Deputación de Lugo
Medio ambiente

Ducias de persoas voluntarias recollen residuos en Friol nunha acción impulsada pola Deputación de Lugo

Medio Ambiente
Esta actividade medioambiental desenvolveuse este venres neste territorio pertencente á Reserva da Biosfera Terras do Miño, dentro do Proxecto LIBERA de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes

Ducias de persoas voluntarias uníronse este venres pola mañá a esta acción medioambiental que impulsou a Deputación de Lugo xunto con outros colectivos ecoloxistas no marco da acción 1m2 contra a basuraleza, do proxecto Libera de SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes. Este municipio intégrase na Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionadas pola institución provincial.

En total recolléronse máis de 90 quilos de lixo, entre as que abondaban plásticos, latas, botellas, cabichas, mascarillas.... Nesta ocasión, lanzouse a actividade da man das asociacións Corripa e REAMA. 

O obxectivo desta iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais libres de lixo e que se poida, deste xeito, liberar moita máis vida en favor da biodiversidade. Esta convocatoria cidadá pretende que o lixo que se atope nas zonas naturais se reduza a cero. 

Esta acción forma parte da liña de traballo que se marca dende a Deputación de Lugo para as dúas Reservas, co fin de impulsar con colectivos que forman parte dos órganos participativos accións e actividades que redunden na conservación e na mellora do territorio. Recentemente fixéronse accións semellantes en Cervantes, Láncara e Becerreá. 

Recollida lixo Friol