Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación organiza xornadas de recollida de residuos nas Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Ancares

Friol
Medio Ambiente
Cervantes
Estas actividades medioambientais son abertas á cidadanía e terán lugar este domingo en Cervantes e o venres, 12 de agosto, en Friol, dentro do Proxecto LIBERA de SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes

A Deputación de Lugo colabora co voluntariado ambiental xunto con outros colectivos ecoloxistas organizando actividades de recollida de residuos en Friol e Cervantes no marco da acción 1m2 contra a basuraleza, do proxecto Libera de SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes. Serán este domingo, 7 de agosto, en Cervantes e o venres da vindeira semana, 12 de agosto, en Friol. Dous municipios que se integran na Reserva da Biosfera Terras do Miño e Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial.

A primeira destas actividades de sensibilización medioambiental terá lugar o domingo pola mañá, ás 11:00 horas, en Cervantes, fixando como punto de encontro na Escola de Piornedo. E, no caso de Friol, a acción será o venres 12 de agosto, comezando tamén ás 11:00 horas dende o Parque Rosalía de Castro. 

O obxectivo desta iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais libres de lixo e que se poida, deste xeito, liberar moita máis vida en favor da biodiversidade. Esta convocatoria cidadá pretende que o lixo que se atope nas zonas naturais se reduza a cero. 

Esta iniciativa forma parte da liña de traballo que se marca dende a Deputación de Lugo para as dúas Reservas, co fin de impulsar con colectivos que forman parte dos órganos participativos accións e actividades que redunden na conservación e na mellora do territorio. Nesta ocasión, lánzase a actividade da man das asociacións Corripa, Teitos de Piornedo, REAMA, A.C. O Teixeiro. 


Inscricións
A participación é gratuíta, só é preciso que as persoas interesadas en participar envíen un e-mail a ud.medioambiente@deputacionlugo.org. Inclúese o material para a recollida e un seguro de responsabilidade civil.