Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora co festival Trece Roeis que regresará o 19 e 20 de agosto á Ribeira Sacra

Trece Roeis Fest
Ana González Abelleira participou na presentación dunha nova edición da cita musical que conta cunha achega provincial de 5.000€

A Deputación de Lugo colabora co financiamento do festival Trece Roeis, en Pantón, cunha achega de 5.000 euros para a celebración desta cita, que contribúe a dinamizar social, turística e economicamente a Ribeira Sacra. A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participou na presentación desta cita no Pazo de Ferreiroá, no concello de Pantón. No acto que se celebrou este luns tamén participaron o Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, o director do festival, Miguel Durán, e o Secretario Xeral de Políticas Lingüísticas, Valentín García, entre outras autoridades.
 
González Abelleira destacou que se trata dunha colaboración “dentro da nosa clara liña de apoio ós concellos e ó tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica da provincia”. Así mesmo, destacou que “apostamos por un turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor a nosa riqueza patrimonial e que crea riqueza e emprego, sobre todo no noso rural”.
 
O Trece Roeis Fest “xa é unha cita de referencia no calendario musical da comarca da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo”, explicou a Deputada e destacou que ten un impacto moi positivo para a economía local grazas ás persoas que se achegan. Ademais de apoiar iniciativas como esta, a Deputación de Lugo impulsa de maneira directa programas como as xornadas gastronómicas e de lecer Saborea a túa provincia, o programa de viaxes Coñece a túa provincia ou actividades de turismo cultural, deportivo ou en contornas fluviais.
 
O festival naceu en 2019 como proposta cultural no concello de Pantón tras a cancelación do veterano Festival do Castro, converténdose nun novo acontecemento de referencia na Ribeira Sacra. Nesta edición o cartel está formado por unha vintena de artistas como El Drogas, Lágrimas de Sangre, Boikot, Herdeiros da Crus ou a Banda da Loba.