Deputación de Lugo
Turismo

Rivera Capón participa na entrega de premios da volta aérea a Galicia do Criterium Aeronáutico

Criterium Aeronáutico
O Deputado de Promoción Económica e Social entregou esta tarde varios premios desta proba, unha das máis atractivas da cita que ten lugar no aeródromo de Rozas e coa que colabora a Deputación de Lugo a través dunha achega de 10.000€

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este sábado na entrega de premios da volta aérea a Galicia, unha das probas máis atractivas do Criterium Aeronáutico que celebra estes días en Rozas a súa décimo quinta edición. A Deputación de Lugo colabora un ano máis con esta cita cunha achega económica de 10.000 euros e coa impresión de cartelería. 

Na xornada de hoxe tamén participaron o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira; a Directora do CIAR, Neves Seoane; e o Presidente da Federación Aeronáutica Galega, Víctor Maiztegui, entre outras autoridades.

A 37 edición desta proba puntúa para o Campionato Nacional, o que destacou Rivera Capón, “fará este evento aínda máis atractivo”. O Deputado sinalou tamén a importancia dunha cita coma o Criterium Aeronáutico, “que aporta valor, diferéncianos e tamén nos consolida como destino turístico de calidade, sostible e de experiencias. Que encaixa á perfección co modelo polo que apostamos na institución provincial”. 

O programa, que remata mañá, inclúe saltos en paracaídas, voos de introdución, avións acrobáticos, un simulador, exposición de aeronaves históricas ou drons. As persoas interesadas en participar nas actividades poden inscribirse ou solicitar máis información no correo criteriumaeronautico@aerolugo.es ou no teléfono 982.310.114.