Deputación de Lugo
Turismo

Éxito de participación no arranque das Actividades Fluviais da Deputación, na Fonsagrada

actividades fluviais
turismo
Esta fin de semana comezou o programa gratuíto e de lecer dirixido a maiores de 6 anos de idade, que inclúe kaiak, pádel surf e inchables, entre outras propostas

A contorna fluvial de Pena do Inferno foi a primeira localización dunha programación que acollerán os concellos de Begonte, Láncara, Trabada, Monterroso, Ribeira de Piquín, Vilalba, Navia de Suarna, Alfoz, e Negueira de Muñiz nos meses de xullo e agosto

Éxito de participación na primeira xornada das Actividades Fluviais gratuítas da Deputación de Lugo, que se celebrou esta fin de semana na Fonsagrada con propostas de kaiak, pádel surf e inchables, entre outras propostas. Levouse a cabo no entorno fluvial de Pena do Inferno, contribuíndo a poñer en valor a riqueza natural do concello.

Os veciños e veciñas, así como as persoas que visiten a provincia de Lugo este verán terán grazas á Deputación unha alternativa de ocio activo, ao aire libre e que axuda a dinamizar a vida social e económica dos concellos. Así mesmo, con esta proposta, a institución provincial busca consolidar un turismo de calidade, sostible, de experiencias, e con capacidade para atraer xente durante todo o ano. 

O programa, dirixido a maiores de 6 anos, continuará o 16 e 17 de xullo nas praias fluviais da Pobra de San Xiao, en Láncara, e na de Begonte, respectivamente. Ata o 15 de agosto haberá tamén actividades nos concellos de Trabada, Monterroso, Ribeira de Piquín, Vilalba, Navia de Suarna, Alfoz, e Negueira de Muñiz. As persoas interesadas en participar poden facer a inscrición no propio lugar da actividade ou no 636.504.155.

As Actividades Fluviais súmanse a outras iniciativas que a Deputación de Lugo ten en marcha, como o programa de turismo deportivo e de aventura Actívate; o programa Coñece a túa Provincia, do que se beneficiarán esta tempada unhas 3.000 persoas de 135 asociacións, ou tamén o programa Saborea a túa Provincia, unhas xornadas de lecer e gastronómicas que terán lugar o mes de agosto. 

Calendario

Láncara – Praia fluvial da Pobra de San Xiao
16 de xullo. De 16 a 19 horas

Begonte – Praia fluvial de Begonte
17 de xullo. De 16 a 19 horas

Trabada – Ría de Abres
23 de xullo. De 11 a 14 horas

Monterroso – Área recreativa A Peneda
24 de xullo. De 16 a 19 horas

Ribeira de Piquín – Chao do Pousadoiro
30 de xullo. De 16 a 19 horas

Vilalba – Área recreativa da Madalena
6 de agosto. De 16:30 a 19:30 horas

Navia de Suarna – Praia fluvial da Pobra de Navia
13 de agosto. De 16 a 19 horas

Alfoz – Lugar do Trece (Carballido)
14 de agosto. De 16 a 19 horas

Negueira de Muñiz – Área Recreativa da Veiga
15 de agosto. De 16 a 19 horas