Deputación de Lugo
Turismo

García Porto pon en valor o modelo sostible da Deputación no III Seminario de Intercambio de Experiencias turísticas do Eixo Atlántico

Eixo Atlántico
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo destacou a estratexia turística que impulsa a institución provincial na segunda xornada deste encontro, no que participaron 25 persoas de Galicia e Portugal e no que se abordaron os diferentes retos do sector

“Apostamos por un modelo de turismo non masificado, de experiencias, que pon en valor a natureza, e o patrimonio cultural e etnográfico, que favorece o equilibrio territorial e que actúa como factor de desenvolvemento do rural”, sinalou a Deputada

A programación remata este mediodía no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos coas mesas redondas de Turismo de autor e de fronteira e O Turismo de sempre dunha forma distinta

O Salón de Plenos da Deputación de Lugo acolleu este venres a última xornada do III Seminario de Intercambio de Experiencias Turísticas, promovido polo Eixo Atlántico para favorecer o impulso do sector en Galicia e no norte de Portugal. A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na inauguración do encontro xunto á presidenta do Eixo Atlántico e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Secretario Xeral da entidade transfronteiriza, Xoán Vázquez Mao, un acto no que puxo en valor a estratexia turística que impulsa a institución provincial, de calidade e sostible. 

García Porto incidiu en que a Deputación defende “un modelo de turismo non masificado, de experiencias, que pon en valor a natureza e o patrimonio cultural e etnográfico, que favorece o equilibrio territorial e que actúa como factor de desenvolvemento do rural”. Un modelo “que defendíamos xa antes da pandemia, e que se viu referendada pola propia crise sanitaria”, indicou.

Neste encontro, no que participaron 25 persoas de Galicia e Portugal, “reforzamos os vínculos entre ambos países para seguir impulsando conxuntamente un sector tan importante para o desenvolvemento económico dos nosos territorios como é o turismo”, explicou a responsable provincial que destacou que de Portugal procede o 51% dos turistas que visitan Galicia cada ano.

“As nosas boas relacións de veciñanza, o mutuo aprecio e o desexo de coñecernos mellor, son a base dun importante fluxo de visitantes, que implica movemento económico, intercambio cultural e desenvolvemento para os nosos países”, apuntou García Porto, para a que “a combinación de patrimonio, cultura, tradicións e gastronomía resume ben o potencial de Lugo no ámbito do turismo, así como a oferta turística que impulsamos na provincia, directamente dende a Deputación ou en colaboración cos concellos ou co tecido asociativo”.

A Deputada tamén destacou que “este encontro é unha boa mostra do traballo continuado que leva facendo o Eixo Atlántico dende hai 30 anos a favor da cohesión territorial de Galicia e Portugal, tanto social como económica” e desexou unha boa estancia aos asistentes a este foro que onte xa coñeceron o Mazo de Santa Comba, o Centro de Interpretación Terras do Miño e tamén fixeron unha visita á capital da provincia.

Dúas mesas redondas e clausura

A programación deste seminario de turismo rematou a mediodía, tras dúas mesas redondas nas que se abordaron os diferentes retos do sector. Turismo de autor e de fronteira contou coa participación da experta en turismo do Eixo, Ana Ladeiras, e os emprendedores Keina González e Paulo Almeida. Na mesa titulada O turismo de sempre dunha forma distinta participaron Elisa Braga, concelleira de Cultura e Turismo de Barcelos; Joao Pedro Alves, Geólogo do Geopark Terras de Cavaleiros; Francisco Cajoto, presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e Alcalde de Foz, e Roberto Castro, presidente da asociación para a promoción territorial Montañas do Courel e Tenente de Alcalde de Ribas de Sil.

Na clausura, Pilar García Porto sinalou a modo de conclusión que o reto é “aproveitar ferramentas como as novas tecnoloxías, as apps ou as posibilidades narrativas da realidade aumentada, para ofrecer ós visitantes dun xeito moderno, accesible, atractivo, o inmenso valor do noso patrimonio. Conscientes de que o futuro do turismo será maior canto maior sexa a nosa capacidade de renovar as tradicións”.