Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación mellorará con 260.000€ o firme de dúas estradas que artellan o concello de Portomarín

Portomarín
Rede provincial de estradas
Imaxe deputación de lugo
A institución provincial vén de aprobar a licitación dos traballos para renovar 3 quilómetros da vía que comunica o Alto do Valiño con Valdeporras por Vilaxuste e preto dun quilómetro e medio da que une o lugar de Toxibó coas Neves

Son dúas vías importantes tanto para a veciñanza, como para as explotacións gandeiras e os visitantes deste municipio

A Deputación de Lugo mellorará cun investimento de 260.000€ o firme de dúas estradas que artellan o concello de Portomarín. Trátase da LU-P-4902, que comunica o Alto do Valiño con Valdeporras por Vilaxuste, onde se renovará un tramo de 3 quilómetros a partir do primeiro e ata o 4; e a LU-P-4909, de Toxibó ás Neves, onde se acondicionará a estrada desde o punto quilométrico 2 ao 3,235. A Xunta de Goberno vén de aprobar a licitación destes traballos que, unha vez iniciados, terán un prazo de execución de 3 meses.

Estas actuacións contemplan a apertura de cunetas, drenaxe e limpeza, saneamento das capas existentes nas zonas con deficiencias, pavimentación e sinalización das vías mediante marcas reflexivas brancas.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, sinalou que esta é unha actuación “moi importante para Portomarín, para a comarca e para toda a provincia polo que supón para as comunicacións do propio concello, moi frecuentado por visitantes e peregrinos durante todo o ano”. A LU-P-4902 é moi empregada pola veciñanza e os visitantes porque conecta varias parroquias e coa N-540 que vai cara Ourense, e é unha vía de saída da capitalidade de Portomarín. Pola súa banda, a LU-P-4909 dá un importante servizo á veciñanza e ás explotacións gandeiras da zona.

Máis de 13M€ na comarca de Lugo

A Deputación de Lugo leva investidos desde o inicio do mandato máis de 13M€ en infraestruturas viarias no zona centro da provincia a través de diferentes liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, máis de 550 quilómetros percorren esta comarca repartidos en 133 vías. Discorren polos municipios de Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade.

A institución provincial actúa nas estradas da comarca con proxectos de mellora, a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.