Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo impulsa en Expocidades o turismo de proximidade

turismo
expocidades
O Deputado de Participación Cidadá asistiu á inauguración de Expocidades, na que a institución provincial conta cun expositor co fin promocionar o patrimonio cultural e natural da provincia de Lugo

A cita desenvólvese dende hoxe, venres, ata o domingo na Praza de Armas de Ferrol en horario continuado de mañá e tarde

A Deputación de Lugo estará presente esta fin de semana na feira de turismo do Eixo Atlántico, Expocidades, para promover os recursos patrimoniais, culturais, naturais e gastronómicos da provincia de Lugo. Unha aposta polo turismo de proximidade que busca promover os municipios no seu mercado inmediato. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou na inauguración desta cita, que se leva a cabo na Praza de Armas de Ferrol, na que tamén estarán presentes os concellos de Lugo, Sarria e Monforte de Lemos. 

García Pernas destacou a importancia desta cita que “permite achegar o norte de Portugal aos galegos, e no noso caso, o extenso patrimonio da provincia de Lugo, aos portugueses, pero tamén ao resto de galegos e galegas. Traballamos por un turismo de calidade e sostible, apostando por actividades e accións que poñan en valor e coiden o patrimonio dos 67 concellos da provincia”.

O Deputado anima a todas as persoas que visiten a feira a “achegarse ao expositor da provincia de Lugo e descubrir todas as alternativas que ofrece o noso territorio, onde se pode escoller entre multitude de opcións e nas que a gastronomía tamén é protagonista”. Poderá visitarse o expositor da provincia de Lugo hoxe venres, de 13:00 a 21:00 horas; o sábado, de 13:00 ás 22:00 horas; e o domingo, de 11:00 a 19:00 horas.

A presenza nesta cita enmárcase na participación da Deputación de Lugo en diferentes eventos nacionais para a promoción dos recursos turísticos da provincia como Fitur, Fairway ou Xantar, entre outros. Ademais, a institución provincial aposta por organizar programas como o Actívate, enfocado ao turismo deportivo e de aventura, as rutas polo románico da provincia, ou propostas xa consolidadas como Coñece a túa Provincia, que favorecen un modelo turístico apoiado na sostibilidade, na proximidade e na calidade.