Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Copa de Atletismo, patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación, arranca este sábado en Lugo, coa participación de 500 atletas

Deportes
Copa Deputación de Atletismo
EFRÉN CASTRO

 O deputado de Deportes, Efrén Castro, e o delegado da Federación Galega de Atletismo en Lugo, José Manuel Peña, presentaron esta mañá a XII Copa Deputación de Atletismo, organizada pola Federación co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Trátase dunha competición articulada en catro xornadas na que participan atletas de todas as categorías.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou que “desde a Vicepresidencia da Deputación mantemos o compromiso con esta proba, que é unha mostra do peso específico que ten o atletismo no deporte lucense, con atletas de distintas modalidades que destacaron e destacan internacionalmente e cun importante traballo coa base por parte dos clubs”

O delegado da Federación en Lugo, José Manuel Peña, agradeceu o apoio da institución provincial  e sinalou que se trata de probas moi valoradas polos clubs que teñen unha oportunidade para que os atletas que van formando adquiran experiencia competitiva e poidan ir facendo as marcas para participar en campionatos galegos e estatais”. .

A Copa Deputación de  Atletismo reuniu na pasada edición, en 2021, arredor de 2.000 participantes, unha cifra que, desde a Federación, prevén ampliar este ano tendo en conta a mellora na evolución da situación sanitaria e a adaptación dos protocolos.

A primeira xornada, este sábado

A primeira xornada da XII Copa Deputación de Atletismo celebrarase este sábado no Estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo,  con probas ao aire libre, en xornad ade mañá, e en módulo cuberto, durante a tarde. Serán un total de catorce probas atléticas nas que tomarán parte uns 500 deportistas de clubs lucenses e do resto de Galiza. (Xuntamos documento facilitado pola Federación Galega de Atletismo co cadro de horarios das probas e coas indicacións relativas ao cumprimento do Protocolo Covid-19)

As seguintes xornadas están previstas para  o 29 de xaneiro e o 5 de febreiro. A cuarta, aínda por datar, disputarase, previsiblemente, no mes de abril.