Deputación de Lugo

Preparado o dispositivo invernal da Deputación ante a previsión de nevaradas na montaña

Rede provincial de estradas
A institución provincial mobiliza dende hoxe un total de 50 máquinas para atender as posibles incidencias nas estradas provinciais, ademais de dispoñer de 420 toneladas de sal nos 12 silos distribuídos pola provincia

O paso da fronte Barra deixará fortes ventos na Mariña, nas zonas altas e no interior da provincia, e precipitacións en forma de neve a partir dos 900 metros cara o final da xornada deste martes e durante o mércores

A Deputación de Lugo ten preparado o seu dispositivo invernal para garantir a circulación e a seguridade nas estradas provinciais ante a previsión de nevaradas que a borrasca Barra deixará a partir deste martes e durante o mércores sobre todo nas zonas de montaña. O operativo da institución provincial mobiliza 112 operarios e un total de 50 máquinas e dispón ademais de 420 toneladas de sal de mina nos 12 silos que ten distribuídos por toda a provincia. 

Nas zonas montañosas da provincia, onde segundo as previsións meteorolóxicas a situación será máis complicada pola neve, a Deputación reforza o seu operativo con dúas quitaneves. En concreto, as máquinas de reforzo servirán para asistir aos concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil.

Este martes hai aviso laranxa por fortes rachas de vento na comarca da Mariña, en zonas altas e no interior da provincia. Cara ao final da xornada, agárdanse as primeiras neves a partir dos 900 metros. O mércores, as precipitacións en forma de neve continuarán na montaña ao longo de todo o día, aínda que a cota irá subindo desde os 800 metros ata os 1.200 previstos para a noite.

Dos 4.200 quilómetros de estradas, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas. 

Apoio aos concellos

O Plan de Vialidade Invernal da Deputación de Lugo pon a disposición dos concellos da provincia sal de mina para que poidan atender os problemas que se produzan nas estradas municipais debido ás condicións meteorolóxicas adversas. Deste xeito, a institución provincial garante non só que as vías provinciais se manteñan limpas e fóra de risco, senón tamén que os concellos poidan afrontar situacións de emerxencia ou causas sobrevidas en calquera estrada subministrándose dos silos que a Deputación ten por todo o territorio provincial. 

Estes depósitos atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. Cada un destes almacéns dispón nestes momentos de 30 toneladas de sal de mina, isto é, dun total de 420 toneladas.

Todos os concellos que precisen abastecerse de fundentes por razóns de urxencia deberán dirixir unha solicitude previa ao Coordinador de Emerxencias da Rede Viaria Provincial co obxectivo de dar unha resposta eficaz e axeitada a cada unha das peticións, así como facer un control ordenado dos recursos.