Cultura
Deputación de Lugo

Fin de semana de teatro na Mariña con catro representacións promovidas pola Vicepresidencia en Alfoz, O Vicedo, Barreiros e Viveiro

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÒN LUGO
cultura
Teatro
A Mariña

Vicepresidencia da Deputación de Lugo leva á comarca da Mariña varias propostas teatrais para esta fin de semana, dentro dos circuítos profesional e afeccionado promovidos desde a área de Cultura. Os concellos de Alfoz, O Vicedo, Barreiros e Viveiro serán os lugares onde as compañías de teatro presenten as súas funcións ao público.

O sábado 23, Hipócrita Teatro representará no Centro Sociocultural de Alfoz, ás 20.30 horas,  a obra “Pinconus” na que a música e o humor xúntanse en escena para narrar as aventuras e desventuras dos protagonistas. Incluída no circuíto de teatro profesional Aparte a proposta está destinada a público de todas as idades, envolvendo ao espectador nunha viaxe cara un lugar ao que todos queren ir, pero moi poucos se atreven: Pínconus. Sucederanse unha serie de estratexias por parte das personaxes que interpretan Ana Carreira, Carlos Rebolo, Marga Portomeñe e Carlos Coira.

Ese mesmo día, sábado 23 de outubro, tamén dentro do circuíto Aparte, chega ao Vicedo Trécola Producións co “Show de Barallocas”, unha pantomima mesturada cunha coidada manipulación de obxectos para todos os públicos. Realizarase en colaboración coa Asociación de Veciños San Román do Vicedo, ás 18 horas na Casa da Cultura, baixo a dirección de Isabel Rey e Marcelino de Santiago. Gasas, cintas, cordas, fíos... calquera elemento cotiá colle vida cando se cruza no camiño do estrambótico protagonista deste show.

Por último, o domingo 24 de outubro Ubú Teatro levará “O vixiante dos soños” ao Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros ás 12:30 horas. Esta obra con monicreques para público familiar a partir dos 3 anos captará a mirada dos máis pequenos e pequenas a través da historia de Sonólicus e a súa intención de chegar ata a lúa.


Teatro afeccionado en Viveiro

O sábado 23 de outubro o Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá a obra “Casting”, de Hipócrita Teatro ás 19 horas, unha peza que forma parte do circuíto de teatro afeccionado. Esta comedia está protagonizada por personaxes que representan algúns dos estereotipos femininos creados pola industria cinematográfica de Hollywood. Dirixida por Elea López, caricaturiza a través do humor estes prototipos instalados no imaxinario colectivo de varias xeracións.