Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle a serie histórica da Exposición Filatélica Nacional 2021 ata o domingo

turismo
Pazo de San Marcos
O Presidente da Deputación de Lugo participou na inauguración da 59 edición de EXFILNA, un acto no que tamén se presentaron os selos conmemorativos da propia mostra, que acolle a capital lucense, e da figura do VII Conde de Lemos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no Salón de Plenos do Concello de Lugo na inauguración da 59ª Exposición Filatélica Nacional (EXFILNA), na que tamén se presentaron os selos conmemorativos da propia mostra, que acolle a capital lucense ata o domingo, e da figura de Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, emitidos por Correos España.

José Tomé animou á veciñanza da provincia a visitar EXFILNA, que ten a Sala de Exposicións da Deputación como unha das súas localizacións, na que se mostra a serie histórica. No Círculo das Artes está a chamada clase mestra e na Praza de Santa María pódense visitar distintas coleccións.

Xunto ao Presidente provincial, ao acto desta mañá acudiron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Federación Española de Sociedades Filatélicas, Miguel Ángel García, o director de Filatelia de Correos, Jordi Escruela, e o presidente da Asociación Filatélica Lucense, Luis Latorre.

A colección de selos de Correos reúne os timbres de 82  participantes, e está organizada en máis de 500 marcos expositores, sumando un total de 80.000 follas de selos.