Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación apoia o Día do Veciño, que reunirá a máis de 1.600 persoas este sábado

dia do veciño
Federación de Asociacións de Veciños
Os xardíns do Pazo de San Marcos acolleron a presentación dunha nova edición desta cita organizada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo puxo en valor que tras o parón da pandemia se recupere este encontro, co que a institución provincial colabora cunha achega de 18.000€, destinados, entre outros fins, a distribuír entre os asistentes produtos de proximidade

A Deputación de Lugo apoia unha nova edición do Día do Veciño, que este sábado, 23 de outubro, reunirá a máis de 1.600 persoas. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o director territorial de Abanca en Lugo, Javier Soto; e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, presentaron este luns nos xardíns do Pazo de San Marcos a programación deste encontro veciñal, que chega á súa 19 edición logo dun ano suspendido pola pandemia.

Na súa intervención, García Porto resaltou a importancia desta cita coa que a Deputación colabora cunha achega de 18.000€, entre outros fins, para distribuír entre os asistentes produtos de proximidade. “É o mellor escaparate para seguir promovendo o traballo dos produtores e produtoras locais e ,xa que logo, contribuír á posta en valor do rural e favorecer o seu desenvolvemento, máis aínda tras o impacto que a pandemia tivo sobre estes sectores”.
“Agora que, pouco a pouco e con prudencia, imos volvendo á normalidade”, asegurou a Deputada, “recuperar a veciñanza é unha necesidade individual, pero tamén colectiva, polo que ten de factor de dinamización social”. Neste sentido, Pilar García Porto lembrou que o movemento veciñal “sempre encabezou na nosa provincia reivindicacións vinculadas cos servizos públicos, a sanidade, a educación, ou o transporte, que son fundamentais para o futuro de Lugo”.
Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños aproveitou para destacar que este ano o Día do Veciño “estará vencellado ao rural e por iso o lema da nosa pancarta para esta edición será A forza da veciñanza... esencia rural”.

Programación 
Dende primeira hora da mañá, haberá dispoñible unha mostra das principais campañas reivindicativas lideradas pola Federación, que se exporá no local social da entidade veciñal. Coma todos os anos, ás 12:00 horas terá lugar un partido de fútbol con xornalistas, políticos e veciños no campo do Polvorín. 

Pola tarde, dende as 16.00 horas haberá actuacións folclóricas e musicais e repartiranse lotes de produtos da provincia a todos os asistentes como pementos de Mougán, queixos de San Simón ou sardiñas de Burela. Logo das entregas das distincións veciñais pechará a xornada a actuación musical da lucense Lucía Pérez.

V de Veciño
Unha das finalidades deste encontro é a entrega dos premios V de Veciño. Trátase duns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen o labor dun total de 23 persoas que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia. Neste ano serán galardoados, entre outros, a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo e Deputada provincial de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana Gonzalez Abelleira; a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández; a primeira tenente de Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada; a conselleira delegada de Leche Río, Carmen Lence Ferreiro, e o presidente da Confederación Empresarial de Hostalería e Turismo de Galicia, Cheché Real.