Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aglomera catro estradas provinciais de Ourol nas que inviste 300.000€

Deputación de Lugo
rede viaria provincial
Obras Ourol
Comezaron os labores de estendido de aglomerado en quente, logo de que xa quedaran rematados os traballos de limpeza de cunetas e drenaxe das vías LU-P-6602, LU-P-3805, LU-P-3808 e LU-P-6406

A Deputación de Lugo comezou esta semana cos traballos de aglomerado en quente en catro estradas provinciais ao seu paso polo concello de Ourol, unhas actuacións nas que a institución provincial inviste preto de 300.000€. 

Deste xeito, as obras continúan logo de que se executase a limpeza de cunetas e drenaxe. Por un lado, mellórase a LU-P-6602, que vai de Rúa Nova a Muras, e que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Neste caso, arránxase medio quilómetro, dende o punto 18,550 ata o 19,095.

Tamén se está acondicionando a LU-P-3805, que une os núcleos de Sixto con Campo do Foxo, en dous tramos: o que vai do quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917. Esta vía provincial comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto. 

A terceira estrada é a LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade. Neste caso, son os 200 primeiros metros de vía. Amáñase tamén a LU-P-3808 de Foxo a Portapena, nun tramo de case 3 quilómetros, entre os puntos 0 e 2,67. O prazo de execución previsto para estes traballos é de 3 semanas.