Deputación de Lugo
Economía

A Deputación destina 30.000€ á Federación de Comercio para axudar a un dos sectores mais castigados pola pandemia

Federación de Comercio
“É necesario que as administracións e as asociacións profesionais traballemos xuntos para favorecer a actividade comercial”, subliñou o Presidente na sinatura do convenio entre ambas entidades que tivo lugar este xoves no Pazo de San Marcos

A achega da institución provincial servirá para manter a oficina técnica de información e asesoramento ao comercio, que conta con 8 traballadores

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas López, asinaron este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a renovación da colaboración económica que mantén a institución provincial con esta entidade. A través deste convenio, a Deputación achega 30.000 euros para colaborar no mantemento do local da Federación e da oficina técnica de información e asesoramento ao comercio, que conta con 8 traballadores.

José Tomé destacou a importancia de colaborar con entidades como a Federación de Comercio, dinamizando o tecido produtivo e apoiando as iniciativas de sectores que xeran riqueza e postos de traballo. “Este convenio enmárcase nese espazo de colaboración entre o público e o privado que quere aproveitar esta Deputación para favorecer o progreso social e económico da nosa provincia. A aportación que facemos verá multiplicado o seu efecto a través das súas iniciativas”, subliñou o Presidente. 

 “A maior parte dos comerciantes tiveron que pechar por completo a súa actividade a causa da pandemia. E o comercio desenvolve un traballo fundamental no sostemento económico da nosa provincia polo que é necesario que as administracións públicas e as asociacións profesionais traballemos xuntos para favorecer a actividade comercial”, explicou José Tomé. 

Desde a Federación de Comercio explican que esta oficina técnica é “unha vantaxe importante para os comerciantes da provincia, que se poden achegar en calquera momento a resolver calquera dúbida ou realizar calquera xestión ou trámite cos nosos técnicos”. Entre os servizos prestados, a oficina desta entidade (situada na Ronda da Muralla, 52) presta asesoramento legal en materia de normativa, asesoramento e xestión na tramitación das reclamacións formuladas polos consumidores, información e tramitación de subvencións públicas de interese para o sector ou un apoio integral aos emprendedores