Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo inviste preto de 150.000€ en actuacións na Granxa Gayoso

RECURSOS SOSTIBLES
granxa gayoso castro
A Xunta de Goberno aprobou a contratación dos servizos de control sanitario, leiteiro e mantemento do robot de muxido para o centro experimental de leite, que xa está a funcionar ao 100% da súa capacidade e conta con 500 alumnos de prácticas da USC

Adxudicado o servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba, que servirá para almacenar a cantidade suficiente de forraxe co que alimentar aos animais das instalacións provinciais durante todo o ano

Nas próximas semanas comezarán os traballos de reparación de cubertas de varias edificacións da Granxa Gayoso Castro afectadas polo mal tempo

A Deputación de Lugo investirá preto de 150.000€ en diferentes actuacións para o funcionamento e mellora da Granxa Gayoso Castro. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou, por unha banda, a licitación do contrato para a prestación dos servizos de control sanitario, leiteiro e mantemento do robot de muxido para o centro experimental de leite. Tamén quedou adxudicado o servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba para alimentar aos animais durante todo o ano e deuse luz verde ao último paso administrativo para acometer a reparación das cubertas de varias naves afectadas polo mal tempo.

A Deputación licita por un importe de preto de 40.000€ e un prazo de dous anos de duración o  contrato dos servizo referidos ao robot de muxido da Granxa Experimental de Leite, unha actuación importante porque estas instalacións provinciais que se abriron a finais do ano pasado xa están a funcionar ao 100% da súa capacidade, cunha produción media de 37,9 quilos de leite por vaca ao día. Estas instalacións provinciais acollen tamén a 500 alumnos e alumnas que están a completar prácticas do grao de Veterinaria no Campus de Lugo.

 Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba, uns traballos que servirán para almacenar a cantidade suficiente de forraxe co que alimentar aos animais das instalacións provinciais durante todo o ano. O investimento é de 20.800€.

Nas vindeiras semanas, ademais, poderán comezar os traballos de reparación das cubertas de varias naves do complexo da Granxa Gayoso Castro afectadas polo mal tempo. A Xunta de Goberno sacou adiante o Plan de Seguridade e Saúde das obras, o último trámite administrativo para que a empresa pública Tragsa poida comezar as obras de reparación da cuberta destas instalacións, que consistirán no seu reforzo estrutural e que contarán cun investimento de 88.375€.

Estas obras son necesarias logo dos danos causados polo mal tempo, que afectou ás cubertas e á estrutura dalgunhas edificacións desta finca provincial. A instalación danada estaba en uso e hai que reparala para poder seguir levando a cabo as actividades propias da Granxa con normalidade.