Deputación de Lugo

A Deputación adxudica por máis de 455.000€ as obras de mellora de 3 vías provinciais que unen Paradela con Currelos

Rede provincial de estradas
Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación dos traballos cos que a institución provincial renovará máis de 12 quilómetros en total das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818

O Presidente subliña que con este proxecto quedará totalmente renovada a conexión entre estes dous núcleos, logo de que a institución provincial actuara recentemente no tramo que une Escairón e Currelos

Aprobadas tamén as bases xerais de oferta de emprego que regularán os procesos selectivos da Deputación para cubrir prazas vacantes do cadro de persoal funcionario e laboral fixo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que este venres a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación por máis de 455.000€ das obras de mellora e renovación do firme de tres estradas provinciais que conectan o concello de Paradela co núcleo de Currelos, no municipio do Saviñao. 

José Tomé subliña que con este proxecto, que contempla obras en máis de 12 quilómetros das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818, a Deputación completa o acondicionamento das conexións entre Paradela e Currelos, logo de que a institución provincial actuara recentemente no tramo que une Escairón e Currelos.

No caso da LU-P-4201, que une Pacios con Mosteirovello, arranxarase en tres treitos, que suman un total de case 2,5 quilómetros: o primeiro tramo vai dende o punto quilométrico 0 ata o 1,235; o segundo, dende o 1,405 ao 1,810; e o terceiro, do 3,435 ó 4,200. Esta é unha estrada que vertebra parte do municipio, dando servizo a unha zona importante da poboación de Paradela.

Na LU-P-4205, que une os núcleos de Aldosende e Foilebar, pasando por Feasita, mellorarase un treito da vía de máis de 3 quilómetros e medio, dende o punto quilométrico 2,331 ao 5,924. 

A terceira vía que se vai arranxar en Paradela é a  LU-P-5818. Os traballos acometeranse dende a intersección coa estrada provincial LU-P-4202 ata o núcleo de Vila. Esta estrada dá servizo a moitas parroquias e núcleos que concentran bastante poboación como son Valmigallo, Vilacaíz, Carballós e O Amedo. 

O Presidente subliña que “a Deputación continúa sacando adiante proxectos e facéndoos realidade, o que dá mostra do importante ritmo de xestión que estamos desenvolvendo nun momento no que favorecer a economía da provincia é especialmente importante debido á crise provocada pola pandemia”. Así mesmo, puntualiza que “seguimos demostrando que unha da prioridades deste Goberno é a mellora das comunicacións. Cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, a obra pública tamén é importante para incentivar a actividade económica e axudar a manter ou crear emprego”, subliña o Presidente.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén lle deu o visto bo ás bases xerais de oferta de emprego que regularán os procesos selectivos da Deputación de Lugo, co obxectivo de cubrir prazas vacantes do cadro de persoal funcionario e laboral fixo.