Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente supervisa en Láncara a mellora de dotacións públicas nas que a Deputación de Lugo inviste 200.000€

Láncara
Cooperación cos Concellos
José Tomé comprobou na Pobra de San Xiao as obras de humanización das rúas Rosalía de Castro, Adolfo Suárez e Río Neira e as melloras viarias con aglomerado en quente acometidas nas parroquias de Ronfe e San Pedro

O Presidente tamén coñeceu a antiga escola da parroquia de Veiga de Outeiro, que se reformará grazas á achega económica da institución provincial para mellorar e ampliar o uso das instalacións

O mandatario provincial subliñou que estes investimentos responden ao “compromiso de cooperación da Deputación cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas públicas aos seus veciños e veciñas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social e tamén tenente de Alcalde de Láncara, Pablo Rivera Capón, e o Alcalde lancarés, Darío Piñeiro, supervisou este xoves un conxunto de actuacións financiadas pola institución provincial na localidade con máis de 200.000€, tanto a través do Plan Único 2020, como dun convenio co Concello. 

O mandatario provincial foi recibido na casa consistorial de Láncara por unha representación da Corporación municipal e asinou no Libro de Honra. Tomé Roca amosou a súa satisfacción por visitar esta localidade e manifestou que os investimentos que se desenvolven neste municipio grazas aos recursos económicos achegados pola Deputación de Lugo “teñen como obxectivo a mellora das infraestruturas para os veciños e veciñas, tanto no rural como na zona urbana, o impulso do emprego e a colaboración co tecido asociativo de Láncara”. 

José Tomé comprobou na Pobra de San Xiao o resultado das obras de humanización das rúas Rosalía de Castro, Adolfo Suárez e Río Neira, cun investimento de máis de 50.000€. Nestas vías renovouse o firme con aglomerado en quente e dotáronse de pasos de peóns elevados.

Ademais, o Presidente desprazouse ás parroquias de Ronfe e San Pedro para comprobar como quedaron as vías que veñen de ser arranxadas cun estendido de aglomerado en quente grazas a unha partida de 100.000€, e que tamén serviu para actuar nos accesos  a Vilambrán, Oleiros e Trasliste. 

Escola en Veiga de Outeiro
José Tomé coñeceu tamén a antiga escola situada na parroquia de Veiga de Outeiro, que se reformará grazas a un convenio de colaboración da institución provincial co Concello por importe de 46.000 euros para mellorar e ampliar o uso das instalacións.

Actualmente, este é un local social de titularidade municipal. Os traballos consistirán na unión das dúas salas que conforman o edificio nun único espazo, o que facilitará a realización de actividades sociais e culturais. Con este proxecto tamén se remodelarán os aseos, co fin de dotar ao local de servizos accesibles, cumprindo desta forma co disposto na normativa en materia de accesibilidade. 
 
O Presidente provincial subliñou que estes investimentos responden ao “compromiso de cooperación da Deputación cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas públicas aos seus veciños e veciñas”.