Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación remata os traballos de mellora da estrada provincial de Vilaselán, en Ribadeo, na zona da Lodeira

estradas provinciais
Ribadeo
Estrada Lodeira
Este martes finalizaron as obras, cun investimento provincial de 47.000€, para reparar o firme con aglomerado en quente e equipar de novas beirarrúas á vía, dende o punto quilométrico 0 ao 0,406

Este martesfinalizaron os traballos de mellora na estrada LU-P-5202, de Ribadeo por Vilaselán a Alto dos Pinos (N-634), na zona da Lodeira, que financia a Deputación cun investimento de 47.000€. Concretamente, as obras consistiron no acondicionamento da vía con aglomerado en quente e a dotación de beirarrúas. Só restaría o repintado da sinalización horizontal e vertical. Ditas obras fixéronse entre os puntos quilométricos 0 e 0,406. 

O Presidente, José Tomé Roca, responsable de Xestión Territorial, explicou que estas obras son moi importantes, pois permitirán aos veciños e veciñas de Vilaselán poder ir andando con total seguridade ao centro de Ribadeo. Ao mesmo tempo, as melloras beneficiarán aos centos de usuarios que empregan a vía, pois trátase da estrada que comunica coa rotonda que da acceso á autovía que une Galicia con Asturias. 

Con esta actuación na rede viaria provincial, a máis extensa de España, a Deputación segue traballando nun dos seus principais obxectivos, como é a mellora da mobilidade, necesaria para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial. De feito, a día de hoxe, a institución ten en marcha obras de mellora de estradas por toda a provincia por un importe que supera os 3M€.