Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia as obras coas que a renovación da estrada de Fonquente a Noceda, en Cervantes, quedará completada

estradas
Cervantes
Os traballos que vén de arrancar a institución provincial nun treito de un quilómetro, súmanse aos dous quilómetros xa arranxados, polo que a totalidade da vía quedará acondicionada cun investimento de 113.000€

Estas actuacións son moi relevantes para os preto de 200 veciños e veciñas que viven nestes núcleos rurais, así como para os numerosos gandeiros que traballan a diario nunha vintena de explotacións desta parte do municipio

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación de un quilómetro da estrada LU-P-1408, de Fonquente a Noceda, no concello de Cervantes, nos que a Deputación inviste 38.000€. As actuacións, que teñen lugar entre os puntos quilométricos 2 ao 2,947, consisten na limpeza de cunetas, obras de drenaxe e posterior extensión de aglomerado en quente. 

Con ditas obras, a Deputación arranxará integralmente a estrada provincial que conta cunha extensión de tres quilómetros, pois xa reparou os dous primeiros quilómetros. En total, o organismo provincial destinou 113.000€ na mellora desta vía.  

Estas actuacións son moi relevantes para os preto de 200 veciños e veciñas que viven nestes núcleos rurais, así como para os numerosos gandeiros que traballan a diario nunha vintena de explotacións desta zona rural de Cervantes. Ademais, a estrada é moi empregada pola veciñanza, pois comunica coa LU-723, que enlaza Cervantes con Becerreá. 

Con esta actuación na rede viaria provincial, a máis extensa de España, a Deputación segue traballando nun dos seus principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial. De feito, a día de hoxe, a institución ten en marcha obras de mellora de estradas por toda a provincia por un importe que supera os 3M€.