Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación arranxa 10 quilómetros da estrada que conecta os núcleos de Devesa de Rei con Xende, en Palas de Rei

estradas
Palas de Rei
O Presidente supervisou este venres o remate das obras na LU-P-4004, dende o punto quilométrico 0 ata o 10,045, onde a institución investiu 72.200€

Con estas melloras, a Deputación inviste un total de 337.000€ en acondicionar 6 estradas de titularidade provincial que transcorren por Palas de Rei

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres as melloras que a institución provincial está realizando na LU-P-4004, en Palas de Rei, que conecta os núcleos de Devesa de Rei, Ribeira e Xende. Son obras de reparación en 10 quilómetros de vía, dende o punto quilométrico 0 ata o 10,045, cun investimento provincial de 72.200€. 

Tomé Roca, máximo responsable da área de Xestión Territorial, comprobou o estado de ditas actuacións, que estarán rematadas a próxima semana, acompañado da Deputada de Réxime Interior e Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e de veciños e veciñas da zona.  

Concretamente, a Deputación realizou un saneo da explanada e do firme granular que presentaba blandóns e ondulacións, mediante o corte do pavimento existente. Así mesmo, escaváronse 80 centímetros de profundidade e fíxose un recheo con 40 centímetros de zahorra artificial e macadam ordinario. 

Despois destes traballos, todos os danos que presentaba esta vía quedaron arranxados e despois, aplicáronse varios regos asfálticos nos 10 quilómetros. 

Estas actuacións financiadas pola Deputación en Palas de Rei son moi importantes pois a estrada LU-P-4004 comunica con numerosas explotacións gandeiras destes núcleos rurais do municipio. 

337.000€ en estradas de Palas
Tomé Roca lembrou que coas melloras de hoxe a Deputación inviste un total de 337.000€ en acondicionar4 estradas de titularidade provincial que transcorren por Palas de Rei. Trátanse da LU-P-4009, de Ribeira por Vilaseñor a Rampla de Covelo, na que se repararon mediante rego con grava 5 quilómetros, entre os puntos 0 e 5,2, cun orzamento de 40.000€. 

O mandatario provincial explicou que estas obras engádense as xa feitas pola Deputación noutras tres vías ao seu paso por Palas de Rei. Trátase da LU-P-4005, de Ferradal Novo (N-547) á Igrexa de Vilar de Donas, dende o punto quilométrico 0 ao 1,3; a LU-P-4006, de Palas de Rei (N-547) a Quindimil, dende o 0 ao 0,5; e a LU-P-4008, de Leilón por Pambre a Batán, dende os puntos 0 e 3,3.  O conxunto destes traballos contou cun orzamento de 140.000€ e consistiron no arranxo do firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas e repintado da sinalización vertical. 

A maiores, a institución vén de adxudicar en 85.000€ as obras para a mellora da LU-P-2901, estrada que comunica Lugo co concello de Palas, no tramo que vai do quilómetro 3,340 ao 5,400, á altura do municipio lucense. Este proxecto é importante para os concellos de Palas e de Lugo, pero tamén para o conxunto da provincia, pois trátase da estrada que dá acceso á autovía de Santiago.

Máis de 3 millóns na rede viaria provincial
Tomé Roca incidiu na importancia que ten para a Deputación de Lugo o mantemento e a mellora das estradas provinciais. “Consideramos que a mobilidade é un dereito da cidadanía que contribúe ao equilibro social e territorial. Como se pode comprobar, todas as semanas aprobamos licitacións ou adxudicacións de obras na rede viaria provincial”. A día de hoxe, a institución provincial ten en marcha obras en estradas de toda a provincia por máis de 3M€.