Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación aproba a licitación do equipamento do centro de maiores de Pedrafita por 200.000€

José Tomé Roca
centro de maiores
Pedrafita
Lugo Cambia
Xunta de Goberno
Con esta contratación aprobada hoxe pola Xunta de Goberno, “seguimos avanzando para cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos en materia de residencias”, subliñou o Presidente, que prevé a apertura do centro de Pedrafita para finais de ano

Aprobada a convocatoria e as bases dos premios Lugo Cambia, que pretenden recoñecer o traballo feito por persoas, entidades ou institucións a favor da promoción turística da provincia, e a innovación na hostalería

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informaron este venres en rolda de prensa dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno, entre os que se acordou sacar a contratación o equipamento do Centro de Maiores de Pedrafita do Cebreiro. “Seguimos avanzando para cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos en materia de residencias”, subliñou José Tomé.

O orzamento base de licitación do equipamento ascende a preto de 200.000 euros e tras a aprobación na Xunta de Goberno, publicarase na vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia. A partir deste momento as empresas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar as ofertas. “O material que contratamos para a residencia con este investimento é mobiliario en xeral; equipamento tecnolóxico; equipos e artigos médicos, farmacéuticos e de hixiene persoal; xogos e material pedagóxico; e material de lavandería, equipos para a preparación de comidas e maquinaria de limpeza”, explicou o Presidente.

O Centro de Maiores de Pedrafita do Cebreiro conta con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. As obras de construción están rematadas e resta dotala de equipamento. “Se todo vai como está previsto, neste mes de xullo licitaremos tamén o servizo de xestión do centro. Deste xeito, e a pesar da incidencia que tivo a pandemia nos procedementos administrativos, estaríamos en condicións de abrir a residencia a finais de ano, cumprindo así co compromiso que fixemos cando aprobamos os Orzamentos deste 2020: poñer en marcha o Centro de Atención a Maiores de Pedrafita este ano”, incidiu José Tomé. 


A Deputación, asegurou o Presidente, “segue  avanzando, con feitos, para cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos en materia de residencias”. A pouco tempo de cumprirse o primeiro ano de mandato, o Goberno abriu o centro de maiores da Fonsagrada, asinou o convenio marco de colaboración co Concello para a apertura a finais de ano do de Castroverde, iniciou as obras de construción do de Guitiriz, recibiu de SUPLUSA o edificio da residencia de Meira, asinou un protocolo co Concello para a construción da de Pantón, e licitou o equipamento da de Pedrafita do Cebreiro. 

“Estase demostrando ademais, día a día, que o modelo de xestión dos centros de maiores da Deputación, un modelo público, de proximidade, de calidade asistencial, que pon no centro ás persoas, é un sistema que funciona, que garante o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos nosos maiores, pero tamén das súas familias”, subliñou o Presidente.

Trátase tamén, engadiu, dun modelo de xestión “que ten un retorno económico importante nos concellos e nas comarcas, e que axuda a fixar poboación creando emprego sostible”. 

Premios á hostalería e ao turismo
Por outra banda, a Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou a convocatoria e as bases para a concesión dos premios Lugo Cambia, que pretenden recoñecer e poñer en valor o traballo feito por persoas, entidades ou institucións a favor da promoción turística da provincia, así como as actuacións innovadoras no mundo da hostalería. 

Os premios Lugo Cambia de turismo e hostalería acordáronse no seo do Consello Provincial de Turismo e no marco do Plan Estratéxico de Turismo que ten en marcha a Deputación. Esta convocatoria inclúe dúas categorías: o Premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense e o Premio ...E Para Comer, Lugo á gastronomía lucense. 

Segundo explicou Pilar García Porto, “poderán presentarse a estes galardóns as persoas físicas ou xurídicas, a título individual ou colectivo, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das modalidades establecidas nas bases e cuxa actuación teña ou tivese unha repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica de actuación dentro do territorio lucense”. 

O prazo de presentación das candidaturas é de 45 días naturais contados a partir do día seguinte de publicación da convocatoria e das bases no BOP.

Os premios, con carácter honorífico, consistirán neste primeiro ano nun diploma acreditativo e nun agasallo.

A Deputada de Turismo subliñou que, despois da fase máis dura da crise sanitaria, “cobra aínda máis importancia porque servirá para poñer en valor e visibilizar o traballo do sector da hostalería e do turismo e, deste xeito, fomentar a súa reactivación activando a confianza da cidadanía”.

“Creo que nos últimos anos, a hostalería e o turismo lucense fixeron un esforzo notable para gañar presencia e presentar os seus produtos a nivel nacional e internacional, e é de xustiza recoñecer o traballo feito neste sentido polos nosos profesionais, a grande maioría ademais, autónomos, micropemes e pemes. Creo tamén que merecen un agradecemento e un recoñecemento polo papel desenvolvido durante a loita contra o coronavirus. O sector asumiu o tremendo esforzo que supón encarar un cese practicamente completo de actividade e foi quen de colaborar en accións solidarias. Pasado o peor momento da loita contra o virus, as empresas do sector demostraron a súa capacidade de resposta para adaptarse ás condicións marcadas polas autoridades sanitarias para cada fase”, asegurou García Porto.

Todo isto, engadiu a Deputada, “puidémolo constatar nos encontros de debate Abrindo as portas: o rexurdir do turismo que celebramos recentemente na Deputación, uns encontros nos que ademais quedou claro que o mellor xeito de escribir o futuro deste sector pasa por ter claro o que o que xa era: Un sector definido pola calidade, pola capacidade para xerar confianza nos clientes – veciños ou turistas– e pola capacidade de modernizarse ou adaptarse. Todos estes valores xa estaban aí antes da crise sanitaria, e son os que queremos recoñecer con estes premios Lugo Cambia á hostalería e ao turismo da nosa provincia”.

Mellora dos accesos a Tor e da estrada ao polígono de Castroverde
Na Xunta de Goberno deste venres tamén se aprobou o Plan de Seguridade e Saúde para a obra de acondicionamento dos accesos á finca de Tor, no Concello de Monforte de Lemos, titularidade da Deputación de Lugo. Este é o último paso administrativo previo para que comecen as obras, que previsiblemente arrincarán nos vindeiros días.

A Deputación destina para este proxecto unha achega económica de preto de 480.000 euros. Tomé Roca sinalou que “se trata dun investimento moi importante, non só pola contía económica, senón pola mellora que supoñerá da comunicación vial para conectar o centro da cidade de Monforte coa finca de Tor”. Esta actuación nos accesos forma parte ademais do proxecto da Deputación para poñer en valor e potenciar este importante recurso provincial, no que “queremos que tome parte o sector primario e que transfira o seu traballo ao tecido productivo, como sucede na Granxa Gayoso Castro”, explicou o Presidente.
Aprobouse tamén outro Plan de Seguridade e Saúde correspondente á obra de acondicionamento da estrada provincial LU-P-1201, no Concello de Castroverde, que dá acceso ao polígono industrial da localidade. Este plan apróbase para acometer o modificado do proxecto que foi necesario aprobar para cambiar o tipo de estrutura para salvar o río Chamoso, onde se colocará un paso de vigas. Con estes traballos, que arrancarán o vindeiro, luns, a ampliación e mellora desta estrada de Castrovede, á que a Deputación destinou un total de 132.000€, estará completamente rematada. 

Plan de posta en produción de terras
Por último, aprobáronse 11 contas xustificativas de axudas concedidas pola Deputación de Lugo a outras tantas explotacións agrogandeiras de toda a provincia a través do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en produción de recursos agrícolas e gandeiros. O importe total destas 11 subvencións das que aprobamos hoxe é de algo máis de 24.000€ e as hectáreas postas en produción suman 21,3has.