Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación publica no BOP a convocatoria de axudas para empresas e emprendedores dentro do plan de emprego Prende!

Prende
emprego xuvenil
Programa 'Prende' de emprego xuvenil da Deputación de Lugo
A través deste programa dirixido a fixar poboación moza no rural favorecendo a súa inserción laboral, a institución concederá ás empresas 5.700€ por cada persoa contratada durante un período dun ano e unha achega de 8.550€ a cada emprendedor para a posta en marcha dun proxecto empresarial

A solicitude das axudas poderá formalizarse a partir deste venres e durante un prazo de dous meses a través da sede electrónica da Deputación, http://sede.deputacionlugo.org/

A Deputación de Lugo vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria das axudas a empresas e emprendedores dentro da segunda fase do plan Prende! Bota Raíces no Rural, impulsado pola institución provincial co obxectivo de fixar poboación moza nas zonas menos poboadas da provincia favorecendo a súa inserción no mercado laboral. 

Este programa consta de dúas fases. Na primeira, que nestes momentos está en marcha, 50 mozos e mozas reciben formación especializada en catro sectores profesionais estratéxicos na provincia e con perspectivas de crecemento, como son hostalería e turismo, enerxía e auga, agricultura e gandería, e medio ambiente, así como en emprendemento.

Unha vez rematada a formación, comezará a segunda fase do proxecto, as prácticas para adquirir experiencia laboral nestes sectores. A Deputación, a través da convocatoria que vén de publicar no BOP, concederá axudas a empresas por importe de 5.700€ por cada persoa que contraten durante un período de un ano, sendo a cantidade total destinada de 171.000€ para un total de 30 contratos. Ademais, outorgará catro bolsas de 8.550€ a emprendedores para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.

As persoas interesadas en solicitar algunha destas convocatorias deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 con saldo demográfico negativo na última década. Os interesados nas axudas poden formalizar a súa solicitude de forma telemática e achegar a documentación necesaria a través da sede electrónica da Deputación: http://sede.deputacionlugo.org. O prazo para presentar as instancias está aberto desde este venres e durante dous meses.

A primeira fase do plan Prende!, correspondente á formación, rematará o vindeiro 13 de xullo e os mozos e mozas participantes nos cursos poderán solicitar as axudas para emprendedores e terán posibilidade de acceder aos postos de traballo que demanden as empresas.

Prende! Bota Raíces no Rural conta cun orzamento de 300.000€, achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo. Está dirixido a un dos colectivos que o teñen máis difícil para encontrar un emprego: menores de 30 anos, desempregados, que non estean a estudar. Deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou de entre 5.000 e 10.000 que presentan un saldo demográfico negativo na última década, co que a iniciativa contribúe a combater o despoboamento precisamente naqueles concellos que máis o están a sufrir.