Deputación de Lugo

A Deputación renova o compromiso de colaborar co Concello de Sarria con 150.000€ para a Ponte Ribeira

infraestruturas
infraestruturas públicas
Cooperación cos Concellos
Colaboración co Concello de Sarria
O Presidente e os Deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e Promoción Económica e Social, mantiveron un encontro este venres, en Sarria, co Alcalde da localidade e co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Na reunión púxose de manifesto a vontade da institución de traballar co municipio ao restituír o acordo de colaboración para executar estas obras de tanta relevancia social para a veciñanza que solucionarán a problemática deste lugar

Tomé Roca subliñou que “proximamente asinaremos un novo convenio de colaboración para axudar dende a Deputación a este concello nunha situación complexa como é a de dotar dunha solución á Ponte Ribeira”

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, mantiveron un encontro este venres, en Sarria, co Alcalde desta localidade, Claudio Garrido, e co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga. Unha reunión na que se puxo de manifesto o compromiso da Deputación de Lugo co Concello de Sarria e cos seus veciños e veciñas co fin de restituír o acordo de colaboración para a execución das obras da Ponte Ribeira.

A finais do ano pasado, o día 19 de decembro, o Presidente da Deputación e o Alcalde de Sarria asinaran un protocolo co fin de restituír o acordo de colaboración que existía entre a Deputación de Lugo e o Concello para a Ponte Ribeira. “Naquel momento comprometinme co Alcalde a formalizar neste ano 2020 un convenio semellante ao que perdeu vixencia sen que fosen executadas as obras”.

Tomé Roca subliñou que a súa visita a Sarria confirma “ese compromiso adquirido co municipio e avánzolles que proximamente asinaremos un novo convenio de colaboración para axudar dende a Deputación a este Concello nunha problemática complexa, como é a de dotar dunha solución á Ponte Ribeira. Neste novo convenio mantemos a mesma achega económica que no anterior, son 150.000 euros, un investimento importante que terá tamén un impacto moi importante para Sarria”.

Esta acción na Ponte Ribeira mellorará a mobilidade dos veciños, e polo tanto, a súa calidade de vida, pero terá tamén un efecto positivo na actividade económica e nos moitos peregrinos que visitan este municipio. O Presidente engadiu que “a Deputación coopera con Sarria co mesmo criterio co que coopera con todos os concellos da provincia, dende a lealdade institucional, buscando o entendemento entre administracións e deixando á marxe calquera consideración partidista”.

“Creo que as institucións, e quen as representamos, temos que cumprir a palabra dada. Temos que ter sempre un compromiso de proximidade e de eficiencia. Estamos ao servizo da cidadanía, e debemos escoitar as súas necesidades e ter en conta as súas propostas á hora de deseñar as nosas actuacións”, expuxo Tomé Roca.

Ademais, o mandatario provincial reafirmou a idea de que a Deputación de Lugo é o Concello dos Concellos. “Unha institución que escoita e que traballa para mellorar os servizos e infraestruturas de todos os concellos da provincia de Lugo, dos 67. Unha institución na que sempre buscamos a cooperación, traballar xuntos na mellora do presente e no deseño do futuro”.

Na súa intervención explicou que “como servidores públicos, temos que traballar para resolver os pequenos e os grandes problemas dos veciños e veciñas, dende a lealdade institucional, dende a cooperación e sen partidismo. E iso é o que estamos facendo en Sarria: tendendo pontes, físicas e tamén institucionais”.  

O alcalde da localidade, Claudio Garrido, amosou a súa satisfacción pola sensibilidade da Deputación por un asunto tan delicado para o Concello. “Estamos facendo un servizo a toda a cidadanía e este proxecto é ilusionante logo de 6 anos de incertezas, nós seguiremos traballando dende a lealdade institucional con todas as institucións para sacar proxectos adiante”, expuxo.

Na mesma liña se expresou o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, quen puxo de manifesto o total respaldo da institución que dirixe para que os traballos se desenvolvan da mellor maneira posible.