Deputación de Lugo
Recursos Humanos

A incorporación gradual dos empregados públicos da Deputación ao traballo presencial arranca o luns

cadro de persoal
coronavirus
empregados públicos
O persoal recibe material de protección, plans de seguridade adaptados ao seu posto de traballo e debe realizar unha formación para poder desempeñar a súa función con plenas garantías fronte á Covid-19

Establécense quendas por razóns de limitación de espazo, polo que se estima que de media en cada unha das quendas estará traballando presencialmente o 50%, cumprindo coas normas, e outro 50% traballará vía telemática

Para atención ao público nas dependencias provinciais establécese un servizo de cita previa como ata o de agora, priorizando a atención por vía telefónica ou telemática

Implántase medidas de seguridade como medidores de temperatura, produtos para unha correcta hixienización, carteis informativos e circuítos de percorrido para reducir ao mínimo o contacto entre persoas

A Deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, informa de que a institución vén de difundir unha circular que regula a incorporación progresiva dos empregados e empregadas públicos da entidade ao traballo presencial. O proceso arranca este vindeiro luns, día 25, e alóngase ata o remate do estado de alarma, previsiblemente o 6 de xuño, ou cando as autoridades gubernamentais así o determinen. 

García Porto subliña que estas medidas foron aprobadas polo Comité de Seguridade e Saúde e pola Mesa Xeral de Negociación, onde están representado tanto o persoal funcionario, como o persoal laboral como a institución. “Acordamos que neste período, ata que finalice o estado de alarma, se establezan quendas por razóns de limitacións de espazo, polo que estimamos que de media en cada unha das quendas estará o 50% do persoal de forma presencial e o outro 50% de forma telemática”. 

En todo caso, nesta volta progresiva e gradual ao traballo presencial haberá excepcións. “Polo momento, non voltarán aos seus postos de forma presencial aquelas persoas que pertenzan a grupos de risco e que a súa situación estea avalada por informes do Servizo de Prevención e Saúde, ou que teñan problemas para conciliar por ter menores de 14 anos ou persoas dependentes ao seu cargo”, explica Pilar García Porto.  

O Servizo de Prevención elaborou xa no mes de abril plans de seguridade específicos para as diferentes dependencias das institución e tendo en conta a singularidade dos servizos co fin de garantir a seguridade no traballo presencial dos empregados públicos fronte á Covid-19. “Os plans serven para que os traballadores e traballadoras poidan desenvolver o traballo presencial con plenas garantías”, expón a Deputada.  

Os protocolos inclúen información para os traballadores, unha fase de formación e tamén a entrega de Equipamentos de Protección Individual (EPIs) en función das características e singularidades das funcións que desempeñan.

A Deputación entregou xa material de protección a máis do 80% do cadro de persoal, o que se pode traducir en que case a totalidade ten equipos, tendo en conta que unha porcentaxe do persoal non precisará EPIs polo momento ao estar dentro dos grupos de persoas vulnerables. O material está formado por mascarillas cirúrxicas, mascarillas FFP2, pantallas de protección, luvas e xeles hidroalcólicos. Así mesmo, proporcionaráselle maior protección a aquel persoal que por razóns de saúde precise un reforzo da súa seguridade e tamén a aquel que polas súas funcións están máis expostos. Ademais, o persoal terá á súa disposición sprays de alcol para pulverizar os equipos informáticos e toallas hixiénicas, e tamén equipos específicos de limpeza de vehículos para o Parque Móbil.

Entre a documentación que se lle adxunta, persoal recibe unha análise dos escenarios de risco de exposición ao coronavirus na súa contorna laboral e as medidas de protección que deben adoptar en función do lugar no que se atopen desempeñando a súa función. A raíz deses datos, propóñenselle unha serie de medidas encamiñadas a diminuír ese nivel de risco existente xunto coas recomendacións xerais de protección. Unhas recomendacións que están en continua revisión por parte dos diferentes organismos oficiais, como o Ministerio de Sanidade, e poderán ser obxecto de modificación se a situación epidemiolóxica así o requirise. 

Entre as medidas que recolle o protocolo están as seguintes: o persoal debe ter a información sobre o virus e debe estar familiarizado cos procedementos de actuación, cada traballador debe acudir preferentemente ao centro de traballo en transporte privado, seguirase reforzando a limpeza das instalacións –con especial atención ás superficies que podan ser susceptibles de transmisión-, ventilaranse con frecuencia as dependencias, as reunións estarán limitadas no número de persoas, a hixiene persoal debe reforzarse e, entre outras, débese efectuar unha correcta xestión dos residuos. 

Pola súa banda, inclúese cumprida información apoiada en imaxes e infografía sobre como facer un lavado de mans correctamente, como se debe viaxar nos vehículos en función do número de prazas ou o axeitado uso dunha mascarilla. Ademais, se facilitan pautas de actuación no caso de presentar síntomas da enfermidade, en función de se detectan a sintomatoloxía no domicilio ou no lugar de traballo, coa finalidade de que se corran os menos riscos posibles.  

Cita previa e circuítos de percorrido
A Deputación priorizará sempre a atención á cidadanía por vía telefónica ou telemática e, no caso de ter que prestarse de forma presencial, será sempre con cita previa. Establécense medidas de seguridade nos edificios públicos, tales como sistemas de control do persoal e do público en xeral nos puntos de acceso. Haberá aforos limitados e protocolos de percorrido para cumprir coas distancias de seguridade dentro dos edificios públicos. Tamén se entregarán mascarillas ás persoas que accedan aos edificios públicos e estarán habilitados medios de hixienización, así como medidores de temperatura en todos os centros de traballo.

A maiores, nas dependencias da Deputación haberá alfombras desinfectantes, mamparas de protección e dosificadores automáticos con xeles hidroalcólicos. 

Do mesmo xeito, adóptanse medidas axeitadas para posibilitar o distanciamento social de 2 metros nos centros de traballo, adaptando se é necesario a distribución das diferentes dependencias e a organización de quendas. Persoal da Deputación informará e asesorará ás persoas para velar polo cumprimento de todas as pautas establecidas, co propósito de salvagardar a saúde de todas as persoas.  

Funcionamento normalizado
A combinación de traballo a distancia e de quendas presenciais de persoal esencial permitiron en todo momento o funcionamento normalizado da actividade administrativa e de atención ao público da Deputación durante o estado de alarma. Dos 550 traballadores que aproximadamente ten a Deputación, uns 400 estiveron traballando desde a casa, o que supón un 85% do conxunto do cadro de persoal.

De feito, desenvólvense todos os trámites que se viñan facendo antes, como por exemplo, tramitación de expedientes, tramitación e pago de facturas e de certificacións de obra, contas xustificativos de subvencións ou tramitación de contratos menores, tendo en conta, en calquera caso, que todos os prazos de tramitación dos procedementos da Deputación quedaron suspendidos e paralizados dende que foi decretado o estado de alarma e o seu cómputo renovarase no momento no que perda vixencia.

A maioría dos departamentos funcionaron en todo momento a un ritmo fluído e adaptados ás circunstancias. É o caso daqueles vencellados á mobilización de recursos económicos da Deputación para poñelos a disposición dos concellos e do tecido social e económico da provincia (Contratación, Intervención, Tesourería ou Secretaría Xeral), vencellados ao emprego e á prestación de servizos sociais, como Emprego ou Benestar Social, o persoal de Xestión Territorial ou o Servizo de Novas Tecnoloxías, que ademais do traballo prestado para a Deputación tamén permitiu que se celebrasen plenos nos concellos da provincia.