Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inviste máis de 270.000€ na ampliación e mellora da estrada provincial de Xove ao Portiño de Morás

José Tomé Roca
estradas provinciais
obras de mellora
Xove
Obra estrada Xove
Os traballos arrancaron esta semana e realízanse nesta vía que conecta o núcleo da vila co Portiño de Morás, entre os quilómetros 0,4 e 2,85. Consisten na ampliación da plataforma, drenaxe e pavimentación da calzada con aglomerado en quente

O Presidente da Deputación, José Tomé, responsable directo da área de Xestión Territorial, informa de que acaban de comezar os traballos de mellora do firme da estrada provincial LU-P-2601, no concello de Xove. Unha actuación na que a institución provincial inviste máis de 270.000€.
 
Esta vía que se vai acondicionar conecta o núcleo desta localidade mariñá co Portiño de Morás. As actuacións afectan a case 3 quilómetros da estrada, dende o punto quilométrico 0,4 ata o 2,85. “Son uns traballos laboriosos porque se vai ampliar o ancho  da plataforma, o que permitirá ter dous carrís de 2,75 metros cada un. Tamén se vai drenar e afirmar as zonas ensanchadas e posteriormente pavimentarase a calzada con aglomerado en quente”, subliña o Presidente.   

Estes traballos teñen un prazo de execución estimado de 6 meses, pero agárdase que poidan quedar rematados despois dos meses do verán, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan. 

José Tomé explica que “o regreso ao traballo do sector da construción permítenos contribuír á dinamización da economía provincial, ao mantemento do emprego e á creación de riqueza nesta situación de excepcionalidade derivada do estado de alarma”. Engade que “con estas obras materializamos un dos principais obxectivos da Deputación, como é mellorar as comunicacións viarias, que son necesarias para verdadeiramente garantir a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo”.