Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación abre mañá o prazo de reservas para as rutas fluviais en catamarán, que comezarán o 4 de abril

rutas fluviais
catamaráns
Rutas fluviais
O número de viaxeiros subiu un 5% na tempada 2019, acadando preto dos 62.000

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou que mañá, día 3 de xaneiro, abrirase o prazo para facer reservas nas rutas fluviais en catamarán na Ribeira Sacra, que comezarán a funcionar o día 4 de abril, isto é, o sábado anterior á Semana Santa. As persoas interesadas en gozar das rutas polo río Miño ou polo Canón do Sil nesta tempada de 2020 poderán facer a súa reserva a través da Central de Reservas, na que poderán gardar ou comprar billetes, así como solicitar todo tipo de información.

Pódese facer online as 24 horas en reservas.rutasembalses.es; ou ben de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas, no teléfono 982.260.196 e no email catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. No Pazo de San Marcos, concretamente na primeira planta, onde se atopa o departamento de Turismo, profesionais da Deputación tamén atenden persoalmente a todos e todas os interesados.


A Deputada de Turismo destacou así mesmo que o número de viaxeiros nas rutas fluviais continúa medrando. Na tempada de 2019 subiu un 5%, co que o número total ascendeu a preto de 62.000 persoas.