Cultura
Deputación de Lugo

A Rede Museística colabora con COGAMI e Camiña Burela, para conmemorar o Día Internacional das persoas con discapacidade

rede museística
COGAMI
Museo do Mar
As actividades terán lugar o martes 3 de decembro no Museo Provincial do Mar e o martes 16 de decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos

A Rede Museística fai un traballo diario a favor da integración social das persoas con capacidades diferentes, labor que foi recoñecido en diferentes ocasións por parte de colectivos e asociacións.

Lugo, 2 de decembro de 2019.- A Rede Museística, conmemora, como cada ano, o Día Internacional das Persoas con Discapacidade que se celebra este martes, 3 de decembro. Baixo o lema Museos sen Límites, Museos Posibles, o Departamento de Capacidades Diferentes e Accesibilidade da Rede organiza unha serie de actividades no Museo do Mar  e na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.

Trátase de actividades pensadas para concienciar sobre a situación das persoas con capacidades diferentes en múltiples aspectos da súa vida, organizadas en colaboración con asociacións da contorna.

O apoio á diversidade
A Rede Museística , no seu afán de acadar un museo social, fai un traballo a longo prazo pola inclusión e a diversidade, organizando numerosas actividades adicadas aos colectivos máis desfavorecidos e invisibilizados, un labor que foi recoñecido en diferentes ocasións por parte de colectivos e asociacións.

No ano 2.000 a Rede Museística ideou o seu Plan Estratéxico Inclusivo, potenciado en 2.008 pola creación do Departamento de Capacidades Diferentes, un departamento que aboga por uns museos inclusivos e accesíbeis, adaptando o espazo, o, contido, o discurso e a montaxe; para acadar a plena integración das persoas con capacidades diferentes e alcanzar unha sociedade realmente xusta.

Neste aspecto a Rede Museística da Deputación de Lugo vai máis alá da mera prestación de servizos para persoas con capacidades diferentes e adapta os seus postos de traballo para garantir a súa inclusión, como no caso de Ángeles Miguélez Martínez, guía do Museo provincial do Mar e invidente, que impartirá a conciencia-obradoiro Rompendo límites que terá lugar o martes 3, no Museo Provincial do Mar.

Programa
Martes, 3 de decembro de 2019

- Ás 18:00 horas no Museo Provincial do Mar: Conferencia-obradoiro: Rompendo límites. Participantes: Usuarios da Asociación Camiña Burela. Imparte: María de los Ángeles Miguélez Martínez, guía Museo provincial do Mar.

Martes, 16 de decembro de 2019

- De 11:00 horas a 13:00 horas na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos: Obradoiro: O poder da presenza. Participantes: Usuarios de COGAMI. Imparte: Encarna Lago, xerente da Rede Museística.

- De 11:00 horas a 13: 00 horas na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos: Charla-obradoiro:  Nin límites, nin barreiras. Imparte: Lorena Quintas Rejo, artista invidente.