Axenda Institucional
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo impulsa actividades reivindicativas polo 25N dentro da campaña En Negro contra as violencias

María Loureiro García
En Negro
25N
Presentación actos 25N
A Deputada de Muller e Igualdade subliñou que 45 concellos lucenses, o que representa o 70% da poboación da provincia, se sumaron a esta iniciativa de mobilización social contra a violencia machista

Na cuarta andaina En Camiño contra as Violencias,o alumnado do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, representará, a través dunha performance, a evolución dunha parella na que a muller é vítima das violencias machistas

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro,acompañada do alumnado do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, presentou estes xoves na Praza de San Marcos as actividades reivindicativas que organiza a Deputación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Loureiro adiantou que as institución “renova o noso compromiso coa campaña En Negro contra as Violencias porque temos unha vontade firme contra a violencia de xénero e dos asasinatos machistas”. 

Loureiro explicou que este ano case se dobrou a participación dos concellos da provincia nesta campaña, pois “45 dos 67 concellos lucenses están involucrados no proxecto, o que representa case o 70 % da poboación de Lugo, un feito que nos evidencia unha vez máis que só xuntos imos conseguir o noso obxectivo”. 

A Deputación despregou este xoves unha gran pancarta na fachada do Pazo de San Marcos na que con un “Non é Non” simboliza a denuncia e enérxica repulsa da institución ás violencias machistas. 

O luns 25 de novembro a xornada inclúe unha serie de actividades promovidas en colaboración co Concello de Lugo. O Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación involúcrase un ano máis na organización e difusión desta iniciativa, polo que o alumnado de 1º de Produción será o encargado de deseñar e dirixir a cuarta marcha En Camiño contra as Violencias, unha andaina á que convidan a toda a cidadanía, tal e como se fixo nas tres edicións anteriores con grande éxito de participación.

A marcha arrancará ás 11.30 horas do Centro de Formación, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, onde os participantes recibirán camisetas e paraugas negros co lema da campaña. Un grupo de alumnos vestidos integramente desa cor, incluídas as caretas, indicará o camiño e as distintas paradas ao longo do percorrido.Nesta ocasión, o proxecto ideado polo alumnado de produción reflicte, a través de catro  coreografías de baile, a evolución dunha parella na que a muller é vítima das violencias machistas.

A primeira parada, na Praza Pío XII, representará a fase do namoramento. Despois os participantes na andaina pasarán pola Praza de Santa María, onde 51 pares de zapatos negros, un por cada muller asasinada no que vai de ano, guiaranos ata a segunda parada, nas escaleiras da Praza Maior, lugar no que se amosará a violencia verbal. A marcha continuará ata a rúa da Raíña, terceiro punto, onde a parella de baile representará a violencia física. Tras o paso pola Árbore da Vida na Praza de Santo Domingo, a actividade dos alumnos rematará na Deputación. Na última coreografía a muller libérase desa relación de maltrato. Despois das intervencións das autoridades, haberá unha solta de globos negros.

Dúas vítimas de violencia machista lerán o manifesto ás 12.00 horas fronte á Árbore da Vida, na Praza de Santo Domingo, onde se fará unha ofrenda floral.Os actos continuarán na Praza de San Marcos, onde terán lugar unha actuación musical da man do Secretariado Xitano. 

Durante a presentación, a Deputada de Muller e Igualdade insistiu en que “a loita contra as violencias machistas e en favor da igualdade real entre homes e mulleres é unha política transversal do noso Goberno e proba diso é a creación da área que eu dirixo, pois cremos que queda moito traballo por facer”. “Como representantes institucionais, temos a obriga de redobrar os nosos esforzos nesta loita, polo que seguiremos traballando dende a educación, a sensibilización e a visibilización para atallar un dos maiores problemas que sufrimos na sociedade actual”, explicou María Loureiro. 

Práctica en escenario real
En Camiño contra as Violencias recolle por cuarto ano consecutivo as propostas do alumnado de 1º de Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación, que se ocuparán tamén do desenvolvemento da marcha. É a súa primeira práctica nun escenario real, malia que levan só dous meses de formación. A actividade esíxelles un complexo traballo de planificación e preprodución coa organización de diversas actuacións e actividades, así como a elaboración de todo o material.