Deputación de Lugo
Innovación e TIC

Campos Conde destaca o apoio da Deputación ao audiovisual na Gala de Graduación do Centro de Formación do SdeA

Escola de Audiovisuais
Imaxe deputación de lugo
O Presidente en funcións felicitou aos 20 novos titulados e destacou “o esforzo da Deputación para manter a matrícula gratis e ofrecer un ensino de calidade”

O alumnado de primeiro organizou a Gala inspirada no cine en branco e negro, na que se proxectaron dúas curtas e dous videoclips elaborados polos novos titulados

Familiares e representantes do sector asistiron ao evento que contou coa actuación de claqué de Lola Fernández e se celebrou por 1ª vez no Centro de Produción do SdeA

O prazo de preinscrición para o curso 2018-19 estará aberto ata o 28 de xuño e o de matrícula ordinaria será do 8 ao 19 de xullo

O Presidente da Deputación en funcións, Darío Campos Conde, clausurou este xoves o curso 2018-2019 do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, nun acto ao que asistiu numeroso público, entre familiares, colaboradores e representantes do sector. Campos Conde, que estivo acompañado polo Voceiro do Goberno en funcións, Álvaro Santos Ramos, e da edil do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, felicitou aos 20 novos titulados e ao alumnado de primeiro de Produción e Realización encargado de organizar e gravar a Gala de Graduación que, por primeira vez, se celebrou no Centro de Produción Audiovisual do Servizo. A Gala, inspirada no cine en branco e negro, contou cunha actuación de claqué a cargo de Lola Fernández.

Campos Conde dixo que “remata a vosa formación académica pero sempre seredes parte da nosa gran familia”. Animou aos alumnos e alumnas que veñen de rematar os seus estudos a que “nesta nova andaina soñedes moito e traballes aínda máis. Nós puxemos os medios, e de vós e da vosa implicación depende o partido que lle saquedes ao voso paso polo Centro de Formación Audiovisual”.

Neste senso lembrou que “desde a Deputación sumámonos ao esforzo das familias mantendo a matrícula gratuíta co obxectivo de que calquera rapaz ou rapaza da nosa provincia que lle guste o mundo audiovisual poida acceder a un ensino de calidade, independentemente da súa situación económica”.

A Deputación co audiovisual na provincia
O máximo responsable provincial dixo que “neste mandato tiven a oportunidade de comprobar a importancia de converter a nosa provincia nun plató de rodaxe xa que, ademais da creación directa de postos de traballos, o sector destaca pola súa relevancia desde o punto de vista económico e de promoción da provincia”.

“Nos últimos anos a Deputación vén apostando polo sector, como queda reflectido coa nosa presenza no Clúster do Audiovisual Galego e na Academia Galega do Audiovisual. Ademais, vimos de convocar catro contratos en prácticas para realizadores e produtores para que se inicien dun xeito profesional neste sector”, apuntou Campos Conde.

Así mesmo, subliñou “a nosa participación en películas de proxección internacional, como O que arde, de Oliver Laxe, rodada en galego e maioritariamente nos Ancares Lucenses, que vén de ser premiada no Festival de Cannes; ou a colaboración na longa La sombra de la Ley, con varios premios Goya, e con tres lucenses á cabeza: o director Dani de la Torre, o responsable da montaxe, Jorge Coira, e o actor Luis Tosar. Exemplos de que desde Lugo tamén se pode chegar ao máis alto no mundo do cine”.

Gala en branco e negro
Os alumnos de primeiro de Produción organizaron a Gala de Graduación, inspirada no cine en branco e negro, como práctica dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. Os de primeiro de Realización foron os encargados da súa gravación íntegra. O encontro incluíu ademais un photocall na entrada do CPA e un museo con diversos recordos dos alumnos durante estes dous últimos anos.

Durante a velada proxectáronse algúns dos traballos elaborados polos novos titulados no  último curso: os videoclips Mi monstruo favorito do grupo Kimuru e 666 de Sad Gonsales; e as curtametraxes Primer beso e Quero ser romano. Os alumnos tamén realizaron e produciron ao longo do ano diversos programas de televisión e a Semana de Teatro con espectáculos representados, producidos e realizados por eles, entre outros traballos.

Prazos para matricularse o curso que vén
O 28 de xuño remata o prazo de preinscrición para o curso 2019-2010, que está aberto desde o día 17. A listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en lista de espera e de excluídos publicarase o 2 de xullo no taboleiro de anuncios do centro e en www.fundaciontic.org. O 3 e 4 estará aberto o prazo de reclamacións e o día 5 publicarase a lista definitiva. A matrícula ordinaria poderá formalizarse desde o 8 ao 19  de xullo, na sede do centro educativo en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tanto o impreso como a documentación correspondente, poden descargarse en www.fundaciontic.org.