Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

ANADE recoñecerá a labor de inclusión das persoas con capacidades diferentes nunha gala en Lugo

ANADE
inclusión
persoas con capacidades diferentes
Teatro
ANADE recoñecerá a labor de inclusión das persoas con capacidades diferentes nunha gala en Lugo
Santos Ramos, González Abelleira e Fernández Mayra presentaron a IX Gala de Entrega de Premios de Inclusión Social, organizada por este colectivo social, na que se recoñece o traballo a prol da inclusión social das persoas con capacidades diferentes

O voceiro do Goberno subliñou que “dende o Executivo Provincial sumamos esforzos coas asociacións e colectivos sociais da provincia. ANADE é un bo exemplo de integración, pois achega actividades teatrais a os usuarios que atende”

Nesta cita, entregaranse dous galardóns: o premio Galicia, destinado ao recoñecido actor do filme Campeones, Javier Gutiérrez; e o premio España e o resto do mundo para a Federación Madrileña de Deportistas con Discapacidade intelectual

ANADE conta actualmente con 15 usuarios en Lugo e busca achegar o mundo da arte e da creatividade ás persoas con capacidades diferentes, creando grupos de teatro

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, a Concelleira de Benestar, Ana González Abelleira, e a Delegada da Fundación ANADE (Asociación Nacional de Alternativas Dramáticas e Expresivas) en Lugo, Ángeles Fernández Mayra, presentaron, este mércores no Pazo de San Marcos, a IX Gala de Entrega de Premios de Inclusión Social, organizada por este colectivo e que conta coa colaboración do Executivo Provincial.

A cita, que terá lugar o vindeiro 25 de abril no Restaurante Os Robles, recoñecerá a labor a prol da inclusión das persoas con capacidades diferentes. Este colectivo social achega o mundo da arte e da creatividade, ás persoas con discapacidade e enfermidades mentais, creando grupos de teatro. Na presentación tamén participaron os membros da directiva da Asociación Os Pinchacarneiros, Lucía Saavedra e Inés López.

Santos Ramos subliñou que “dende o Goberno Provincial sumamos esforzos coas asociacións e colectivos sociais da provincia, co fin de acadar a plena inclusión das persoas con capacidades diferentes que integran a nosa sociedade. ANADE é un bo exemplo de integración, pois achega actividades teatrais aos usuarios que atende, eliminando barreiras no eido artístico”.

A novena edición da Entrega de Premios de Inclusión Social, coincide co 15º aniversario do grupo de teatro, da cidade de Lugo, Os Pinchacarneiros. Na gala entregaranse dous premios: o galardón Galicia, dirixido ao actor do recoñecido filme Campeones, Javier Gutiérrez; e o premio España e o resto do mundo para a Federación Madrileña de Deportistas con Discapacidade intelectual.

Fundación ANADE


ANADE conta en Lugo con 15 usuarios, que son partícipes das actividades artísticas que se realizan co obxectivo de acadar a máxima inclusión social e laboral das persoas con capacidades diferentes. A través das actividades e proxectos que realizan, fomentan un mellor coñecemento e intercambio de experiencias entre as diferentes persoas e colectivos que integran a comunidade. Nesta liña, tamén desenvolven grupos de teatro e mostras das mesmas que serven para ensinar á sociedade o resultado do seu traballo. Ademais crean premios de fotografía e de contos para fomentar a lectura e a escritura.