Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Deputación, CB Breogán e QuerENDO visibilizarán a endometriose no partido ante o Real Madrid do domingo

Real Madrid
CB Breogán
QuerENDO
Deputación, CB Breogán e QuerENDO visibilizarán a endometriose no partido ante o Real Madrid do domingo
Durante o encontro no Pazo, despregarase un tifo en prol da loita contra esta enfermidade, que afecta a máis do 10% da poboación feminina. Tamén haberá puntos de información nos accesos ao recinto e difundiranse mensaxes nas canles do club

Rivera Capón sinalou que “dado que se trata dunha cita que van seguir centos de miles de persoas en toda España, sen dúbida, servirá de altofalante para tomar conciencia sobre a relevancia desta doenza e impulsar a investigación sobre a mesma”

Sonsoles Izquierdo lembrou “o compromiso do Executivo Provincial coas mulleres que sofren esta doenza, pois xa conseguimos que fora aprobada, no Pleno de outubro, a nosa proposta para mellorar a atención a mulleres con endometriose e a divulgación da doenza para o seu correcto diagnóstico e tratamento”

Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

A Deputada de Benestar Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentaron este luns, xunto ao Presidente do CB Breogán, Suso Lázare Rincón, e a representante de QuerENDO, Andrea López, unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación. O vindeiro partido do Breogán no Pazo dos Deportes ante o Real Madrid estará dedicado a darlle visibilidade a endometriose, unha enfermidade que padecen unhas 60.000 mulleres en Galicia e 2 millóns en España.
Rivera Capón avanzou que “o Pazo acolle 12 anos despois un dos partidos máis esperados pola afección breoganista, por iso queremos aproveitar esta ocasión única para visibilizar e poñer o foco nunha enfermidade que afecta a redor do 10% da poboación feminina. Dado que se trata dunha cita que van seguir centos de miles de persoas tanto no Pazo como pola televisión en toda España, sen dúbida, servirá de altofalante para tomar conciencia sobre a relevancia desta doenza e impulsar a investigación sobre a mesma”.
López Izquierdo lembrou “o compromiso do Executivo Provincial coas mulleres que sofren esta doenza, pois xa conseguimos que fora aprobada, no Pleno de outubro, a nosa proposta para mellorar a atención a mulleres con endometriose e a divulgación da doenza para o seu correcto diagnóstico e tratamento. Ademais, proximamente poñeremos en marcha unha nova campaña de concienciación entre a cidadanía da man de QuerENDO, para continuar traballando xuntos neste eido”.

O Presidente do CB Breogán destacou “o orgullo que supón poder axudar ás mulleres que sofren esta doenza, que moitas veces resulta invisible para a poboación”. Pola súa parte, Andrea López, incidiu precisamente na importancia de que “esta iniciativa se leve a cabo nun partido con tanta repercusión, o que permitirá que un tema tabú chegue a moitas mulleres e cale entre a sociedade”.
López Izquierdo agradeceu “o esforzo que fai a asociación QuerENDO pola concienciación e procura de solucións para unha doenza da que aínda non se coñecen as causas que a provocan, a dimensión real da súa incidencia nin cales son os tratamentos máis axeitados. Tamén hai que agradecer ao CB Breogán a súa disposición cara ás accións solidarias”.
Esta acción engádese a outras iniciativas levadas a cabo ao longo da tempada entre o Goberno da Deputación e o CB Breogán, coma a campaña de doazón de sangue, a xornada de sensibilización cidadá da man de COGAMI, ou os actos para  visibilización do cancro de mama durante o partido fronte ao Obradoiro, entre outros.

Visibilización dunha enfermidade que afecta a máis do 10% das mulleres


Durante o encontro que o CB Breogán disputará o sábado, ás 17:00 horas, no Pazo dos Deportes, fronte ao Real Madrid, os asistentes conformarán un tifo con cartolinas amarelas en reivindicación da loita contra esta enfermidade que cubrirá a gradaría. Tamén haberá diferentes puntos de información relacionados coa asociación QuerENDO e a enfermidade, para concienciar sobre a importancia desa doenza. Ademais, tanto pola megafonía do Pazo coma a través de redes sociais, o CB Breogán compartirá mensaxes de apoio á  iniciativa.

A endometriose é unha enfermidade que afecta a máis do 10% da poboación feminina. Estímase que en España hai preto de 2 millóns de mulleres que a padecen, sendo arredor de 60.000 mulleres que viven da comunidade galega. O principal problema na loita contra esta enfermidade  é a falta de diagnose.