Deputación de Lugo
Infraestruturas

Rematadas as obras da estrada de Marzán, en Foz, a vía principal cara a área recreativa do Bispo Santo

infraestruturas
Foz
Obras Foz
- Campos Conde supervisou estes traballos na LU-P-2009, que benefician de xeito directo aos máis de 400 veciños de Marzán, así como ao conxunto do Concello de Foz por conectar coa área recreativa

- As melloras proxectadas nesta vía estaban previstas entre os puntos quilométricos 1,6 e 1,9, da zona da báscula en adiante. Finalmente, o Presidente decidiu mellorar case o dobre, acondicionando dende os xardíns ata a báscula, porque así llo solicitaron os veciños da zona

- O Presidente destacou que durante este mandato, o Goberno investiu en Foz tan só en obras 1,4 millóns para actuacións como a humanización da Avda. Álvaro Cunqueiro, mellora do Campo de fútbol ou acondicionamento de accesos

- As melloras nesta estrada engádense ás que se están a realizar na LU-P-2010, de Bao a Ver; e que están a piques de rematar. Suman no seu conxunto unha inversión de 75.000 euros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, supervisou este sábado o remate das obras na estrada LU-P-2009, que vai do Peirao de Foz a Bispo Santo, por Marzán, que contaron cun investimento de 5.000 euros da Deputación. As melloras nesta vía estaban proxectadas entre os puntos quilométricos 1,6 e 1,9, é dicir, da zona da báscula en adiante. Finalmente, o Presidente da Deputación, porque así llo solicitaron os veciños da zona, decidiu mellorar case o dobre, acondicionando dende os xardíns ata a báscula. Os traballos consistion na limpeza de cunetas, e na mellora do firme, coa renovación da capa de rodaxe con aglomerado en quente. Tamén se executarán traballos de sinalización horizontal e vertical e pintado, co que se incrementará a seguridade nesta vía.

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación estamos comprometidos coa posta en valor das infraestruturas públicas e servizos dos veciños do Concello de Foz, co fin último de mellorar a súa calidade de vida. De feito, durante este mandato, investimos máis de 1,4 millóns de euros para financiar novas obras no municipio como o acondicionamento de accesos en Vilaronte, Fazouro, San Acisclo e Córdido, Ribela en Cagas e barrio de Escanlar; reforma dos parques das Lagoas, Campo da Cabana e Conde Fontao; mellora do espazo público nas Torres de Foz; rehabilitación do campo de fútbol; a adquisición de terreos do Castro das Engrobas; así como unha das obras máis importantes para os veciños, a humanización e reordenación do tráfico na Avenida Álvaro Cunqueiro, na que investimos 700.000 euros”.

Actuacións complementarias

Campos Conde informou que os traballos que financiou a Deputación nesta vía, compleméntanse aos da LU-P-2010, de Bao a Ver; que están a piques de rematar. Deste xeito, o Goberno da Deputación, fixo un esforzo inversor de 75.000 euros, cos que se melloran as infraestruturas e dotacións públicas das que dispoñen os veciños da provincia, dentro da aposta deste Goberno por converter á de Lugo nunha Deputación coas persoas, sumamente social, e rural.