A Vicepresidencia afianza o Rally da Mariña, que se celebra do 10 ao 12 de setembro nas estradas da comarca
Efrén Castro valorou "a consolidacion da carreira como unha mostra máis da puxanza do deporte de motor na provincia"
Deportes achega 24.000 euros á organización da proba, que puntúa para o Campionato Galego de Rally
O deputado de Deportes, Efrén Castro, presentou a terceira edición do Rally da Mariña, que se disputará do 10 ao 12 de setembro nos concellos de Muras, Ourol, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo. A carreira, que conta cunha achega de 24.000 euros por parte da Vicepresidencia da Deputación, constará de cinco treitos cronometrados.
A proba arrancará o venres coas primeiras pasadas dos dous primeiros treitos, en Muras e entre o Viveiró (Muras) e Xerdiz (Ourol). A competición retomarase o sábado pola maña, coa segunda pasada dos dous primeiros treitos, e continuará ao longo da xornada cos treitos do Vicedo, a triple pasada, Cervo (saída diante da fábrica de Sargadelos) e Xove (saída a carón da Praza do Concello), a dobre pasada. En total, os pilotos percorrerán 124 quilómetros cronometrados polas estradas da comarca. O parque de control estará situado en Lavandeiras, en Celeiro, e o de reagrupamento en Covas, en Viveiro.
Na presentación do evento, á que asistiron representantes institucionais de todos os concellos polos que pasa a proba, o deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que “a disputa desta terceira edición supón un paso adiante na consolidación do Rally da Mariña, unha proba pola que apostamos desde o inicio da lexislatura desde a Vicepresidencia da Deputación pensando en cubrir un oco que ata daquela estaba baleiro pese a gran afección ao motor que hai tamén nesta zona da Mariña"
Neste sentido, o deputado sinalou que "se trata dunha edición ambiciosa, que amplía o percorrido chegando este ano aos concellos de Muras e Ourol, nos que se disputarán os dous primeiros treitos, e que tamén medrou a participación de pilotos da comarca, con oito equipos inscritos".
Os afeccionados e afeccionadas que queiran acceder aos tramos cronometrados para seguir a carreira terán que rexistrarse previamente na web do rally (rallyemarina.wordpress.com), unha medida adoptada para facilitar un control efectivo do evento por parte da organización e das autoridades sanitarias fronte a Covid 19.
O presidente da Escudería MixRallyeSports e director de carreira, Ignacio Davila, confirmou a inscrición de 67 participantes, entre os que destacan nomes como o Víctor Senra e Jorge Pérez - actuais primeiro e segundo clasificados no Campionato de Galiza de Rally -, ou Iago Caamaño e Alberto Meira, que tamén optan ao podio galego. Na grella de saída, estarán tamén oito pilotos da Mariña: Samuel Fernández, Borja Ramudo, Brais Basanta, Angel Galdo, Manuel Castro Pita, Diego Lage, Omar Polo e Ramiro González.