Deputación de Lugo
Parque móbil

O Presidente supervisa en Cervantes os traballos que está acometendo o Parque Móbil da Deputación nos núcleos rurais

rede viaria provincial
José Tomé Roca comprobou este venres xunto co Alcalde da localidade melloras que os medios propios da institución provincial están realizando estes días en Cabana de Xaraz, Vilarello e Cela

“É importante traballar para manter en bo estado as comunicacións, cremos que é necesario para garantir a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo, independentemente de onde vivan. É un aspecto fundamental para axudar a fixar poboación”, afirmou o Presidente

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres os traballos que está realizando o Parque Móbil da  institución provincial nos núcleos rurais de Cervantes. Fíxoo durante a visita que realizou esta mañá ao municipio xunto ao Alcalde do municipio, Benigno Gómez Tadín. 

Tomé Roca salientou a importancia destas obras que renovan o firme dun conxunto de pistas e camiños deste municipio dos Ancares. “É importante traballar para manter en bo estado as comunicacións, neste caso son vías municipais. Na Deputación entendemos que é necesario para garantir a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo, independentemente de onde vivan. É un aspecto fundamental para axudar a fixar poboación”. 

O mandatario provincial comprobou en Cabana Xaraz, entre Noudelo e Os Olmos, os labores de rexeneración do firme dun treito de case 4 quilómetros. Limpáronse as cunetas e executouse unha vía duns 3,5 metros de ancho. Así mesmo, a institución provincial acometeu unha reforma da pista principal do núcleo de Vilarello, limpando as marxes e pavimentando o firme e dándolle tamén 3,5 metros de ancho, ademais de arranxar a explanada de diante da igrexa desta parroquia cervantega. 

Pola súa banda, no lugar de Cela, na parroquia de Cereixedo, fixéronse traballos de limpeza de camiños e pistas en máis dun quilómetro de firme, ademais de deixar abrir as correspondentes entradas para as vivendas para facilitar a comodidade e seguridade dos usuarios e usuarias da vía.  Tamén en Cela se realizou unha importante actuación ao pavimentar a explanada do campo de fútbol.

Estes traballos, subliñou o Presidente, “ao facerse con medios propios da Deputación de Lugo afórranlle moitos custes ao Concello de Cervantes, podendo investir ese diñeiro noutras necesidades ou servizos”.