Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación licita o servizo de mantemento e conservación das estradas da Montaña por 885.500€

SERVIZO MANTENEMENTO
REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Cos dous lotes correspondentes a esta comarca, a institución completa a contratación dos traballos en toda a rede viaria provincial, pois xa ten adxudicados os outros 6 do contrato

Adxudicada unha nova parcela no polígono industrial dos Acivros en Chantada, co que a institución provincial xa ten vendidas o 80% das dispoñibles -39-, e quedan outras 10 que xa están solicitadas

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres sacar a licitación, por un importe conxunto de 885.500€ e un período dun ano, dous lotes do contrato para o mantemento e a conservación das estradas provinciais, correspondentes á comarca da Montaña. 

Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que, “desta forma completaremos a contratación destes traballos para as 8 zonas nas que está dividida a rede viaria da Deputación, unha vez que temos adxudicado outros 6 lotes do contrato”. 

García Porto concretou que os lotes licitados afectan aos concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

Polígono industrial dos Acivros

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación directa da parcela número 21 do polígono industrial dos Acivros, en Chantada, á empresa UDEICA SL por 45.560€. “Desta forma, a día de hoxe, temos vendidas o 80% das parcelas dispoñibles -39-, e quedan outras 10, que xa están solicitadas”, informou a Voceira socialista.
“Un dato que pon de manifesto a boa xestión que estamos facendo dende a Deputación de Lugo nesta materia, suplindo, unha vez máis, as carencias da Xunta de Galicia, que é a administración que, por Lei - segundo o Estatuto de Autonomía- ten as competencias en industria”, recalcou a Deputada.

Granxa Gayoso Castro

Por outra banda, a Xunta de Goberno sacou adiante a licitación do contrato para a subministración de forraxes secas para o gando da Granxa Gayoso Castro da Deputación. O orzamento é de 66.500€ e a duración do contrato será dun ano, con posibilidade de prorrogar por outros dous.
Cooperación cos Concellos
Quedou aprobado tamén un acordo de colaboración co Concello de Viveiro, a través do que a Deputación de Lugo lle aportará 140.000€ para a adquisición dun tractor e un brazo desbrozador; e outro co Concello de Barreiros, polo que a institución provincial lle achegará 30.000€ para a contratación de tres peóns para o mantemento da rede viaria e espazos públicos no rural do municipio.

Recurso polo cambio de denominación de Candín 

Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou a interposición dun recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León contra o acordo do pleno do Consello Comarcal do Bierzo polo que se aprobou cambiar a denominación do Concello de Candín pola de Valle de Ancares.

“A Deputación de Lugo presentou alegacións a ese acordo argumentando que o cambio de topónimo vulnera a lexislación vixente, carece de fundamentación histórica rigorosa e completa, e ignora o feito incontestable de que Ancares é unha ampla realidade xeográfica, social, cultural, medioambiental e etnográfica que lle dá nome a un territorio no que se asentan municipios da provincia de Lugo e de León”, argumentou García Porto.

Unhas alegacións, que segundo defendeu a Deputada, están fundamentadas en tres informes técnicos elaborados polos servizos provinciais de Asistencia Xurídica, Económica e Técnica aos Concellos e de Medio Ambiente; e polo historiador Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares.

Informou tamén Pilar García Porto que o Concello de Candín, tras desestimar boa parte das alegacións, acordou denominarse Valle de Ancares, en lugar de Ancares. O ano pasado, o Consello Comarcal do Bierzo ratificou ese acordo, que se publicou no Boletín Oficial de Castela e León o pasado mes de marzo. 
“O paso que damos hoxe, servirá para poñer –no prazo de 2 meses- un recurso ante a sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León”, explicou.

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Por último, a Xunta de Goberno aprobou este venres o último trámite administrativo para o pago de dúas subvencións, por un importe conxunto de preto de 12.000€, a dúas entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. Por unha parte, a asociación veciñal e cultural deportiva San Vicente de Pena, de Begonte, recibe 5.680€ para a dotación de mobiliario ao seu local social; e por outra, a comunidade de montes da Cervela, do Incio, recibirá 6.000€ para a mellora dunha pista da parroquia.