Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Innovación e TIC

O Presidente subliña que, grazas á Deputación, 2.000 pemes e autónomos xa recibiron apoio gratuíto para a dixitalización

José Tomé Roca reuniuse hoxe en Monforte co persoal que atende a oficina móbil do programa Acelera PEMES, que inicia unha segunda rolda de visitas durante a que fará diferentes paradas ata o 20 de xuño en máis de 50 concellos

“As experiencias que estamos tendo son moi positivas, sobre todo naqueles concellos de menos de 5.000 habitantes, onde estamos focalizando máis os esforzos, ao ser onde detectamos que é máis necesario”, subliñou

Con esta iniciativa, financiada o 80% con fondos europeos, “estamos a reforzar o apoio ao tecido produtivo como un factor esencial para fixar poboación no rural”, explicou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este luns en Monforte de Lemos a oficina móbil do Acelera PEMES, o programa co que a institución provincial está a ofrecer asesoramento e soporte gratuíto en materia de transformación dixital ás empresas e autónomos da provincia. José Tomé subliñou que dende o inicio deste proxecto, que a institución provincial desenvolve grazas a fondos europeos, son preto de 2.000 as pemes e autónomos que recibiron apoio en dixitalización para modernizar os seus negocios, e gañar eficiencia e competitividade.

O mandatario provincial reuniuse co persoal que se está a encargar de ofrecer o asesoramento nesta unidade móbil, ubicada no día de hoxe nas Casitas da Compañía, e destacou que se trata da segunda rolda de visitas que desenvolve esta iniciativa, durante a que 7 axentes dixitais farán diferentes paradas ata o vindeiro 20 de xuño en máis de 50 concellos.

“As experiencias que estamos tendo son moi positivas, sobre todo naqueles concellos de menos de 5.000 habitantes, onde estamos focalizando máis os esforzos, ao ser onde detectamos que é máis necesario”, subliñou José Tomé. 

O Presidente lembrou que desde que se puxo en marcha este programa, o pasado 13 de setembro, a Deputación asesorou xa a máis de 1.750 empresas e atendeu 4.000 consultas, “o que pon de manifesto o grande interese que está a xerar para as pequenas e medianas empresas que traballan na provincia. Estamos a cumprir coas expectativas que nos propuxemos co lanzamento deste  programa, co que as empresas gañan en competitividade, en produtividade e en eficiencia, e tamén é moi útil para que abran novas oportunidades de negocio”, sinalou o mandatario provincial. Con esta iniciativa,  “estamos a reforzar o apoio ao tecido produtivo como un factor esencial para fixar poboación no rural”, recalcou José Tomé.

Nestes encontros coas empresas os axentes estudan a situación da que parte cada unha delas e buscan ferramentas que encaixen coa súa actividade para beneficiar o seu volume de negocio. Por exemplo, axúdanlles a crear redes sociais e impulsalas para que teñan máis seguidores, tamén á posta en marcha de Whatsapp Business para que interactúen coa súa clientela ou implantan solucións dixitais específicas do seu sector que son moi útiles para os negocios. 

O Acelera PEMES está dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% procede da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es, dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, e o 20% da propia Deputación de Lugo. 

Próximas paradas da oficina móbil
A oficina móbil do Acelera PEMES arrancou esta segunda volta pola provincia a pasada semana nos concellos do Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova, Meira e Pol. Ademais de Monforte de Lemos, hoxe tamén pasou por Sober, e pola tarde estará en Bóveda. As próximas datas e municipios que percorrerá ata o vindeiro 20 de xuño son os seguintes: 

Martes, 7 de maio:
Negueira de Muñiz -10.30 horas 
A Fonsagrada – 12.30 horas
Ribeira de Piquín – 16.00 horas
Baleira – 17.30 horas

Mércores, 8 de maio:
Láncara-10.30 horas
O Páramo– 12.30 horas
O Corgo– 16.00 horas

Luns, 13 de maio:
Carballedo -10.30 horas
Chantada– 12.30 horas
Taboada– 16.00 horas

Martes, 14 de maio:
Cospeito – 10.30 horas
A Pastoriza – 12.30 horas
Abadín – 16.00 horas

Xoves, 16 de maio:
Alfoz – 10.30 horas
Foz – 12.30 horas
Trabada – 16.00 horas

Luns, 20 de maio:
O Vicedo – 10.30 horas
Viveiro – 12.30 horas
Xove – 16.00 horas
Ourol – 17.30 horas

Martes, 21 de maio:
O Incio -10.30 horas
Samos – 12.30 horas
Triacastela – 16.00 horas

Xoves, 23 de maio:
Pedrafita do Cebreiro – 10.30 horas
As Nogais – 12.30 horas
Cervantes – 16.00 horas

Luns, 27 de maio:
Begonte – 10.30 horas
Guitiriz – 12.30 horas
Friol – 16.00 horas

Mércores, 29 de maio:
Navia de Suarna – 10.30 horas
Becerreá – 12.30 horas
Baralla – 16.00 horas
Castroverde – 17.30 horas

Luns, 3 de xuño:
Ribas de Sil – 10.30 horas
Quiroga – 12.30 horas
Folgoso do Courel – 16.00 horas

Martes, 4 de xuño:
Barreiros– 10.30 horas
Ribadeo -12.30 horas
Castro de Rei – 16.00 horas

Xoves, 20 de xuño:
Guntín – 10.30 horas
Portomarín – 12.30 horas