Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba un investimento de 1M€ para mellorar 7 estradas provinciais en Ourol, Sober e Paradela

Xunta de Goberno
Rede provincial de estradas
Xunta de Goberno
O Presidente deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, onde saíron adiante iniciativas por un volume económico que no seu conxunto ascende a 2M€, o que dá conta “do importante ritmo de xestión que estamos desenvolvendo”

Adxudicados por 325.000€ os traballos de conservación de estradas da Zona 4, que inclúe os concellos de Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, O Páramo, Sarria, Paradela, Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín e Palas de Rei

A institución achegará 150.000€ ó Concello de Viveiro para promocionar a localidade e sufragar gastos municipais, e 130.000€ ao de Ribeira de Piquín para a adquisición dun tractor desbrozador para a limpeza de vías e zonas verdes

Licitado o contrato para a prestación do servizo de dinamización e posta en valor dos 175 hortos urbanos do río Rato e Paradai por preto de 180.000€

O Concello de Trabada habilitará unha área de autocaravanas gratuíta con 40.500€ do Plan Único 2020 na Ría de Abres con 9 prazas para vehículos e con áreas verdes de lecer

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este venres que a Xunta de Goberno aprobou iniciativas por un volume económico que no seu conxunto ascende aos 2M€, “o que dá mostra do importante ritmo de xestión que estamos desenvolvendo nun momento no que favorecer a economía da provincia é especialmente importante debido á crise provocada pola pandemia”, subliñou Tomé Roca. 

“Estamos sacando adiante proxectos, contratos e obras en beneficio de todos os concellos e dos veciños e veciñas da provincia, independentemente da localidade ou zona na que vivan, co fin de favorecer o equilibrio territorial”, indicou o Presidente.

En materia de estradas provinciais, José Tomé, responsable directo da área de Xestión Territorial, anunciou que este venres se aprobou a licitaciónde obras de mellora en 7 vías nos concellos de Ourol, Sober e Paradela por cerca de 1M€. 

- En Sober, vaise acondicionar a estrada LU-P-5903, que une Sober con Doade. Vaise arranxar preto dun quilómetro desta vía, entre o punto quilométrico 13 e o 13,740.  Estes traballos teñen un orzamento  de licitación de preto de 117.000€ e un prazo de execución de 9 meses. Trátase dun dos tres tramos que unen Sober coa estrada autonómica de Monforte a Castro Caldelas pendentes de acondicionar, segundo explicou o Presidente, quen avanzou que o compromiso da institución é telos rematados todos neste mandato. Esta estrada ten relevancia social e económica, pois pasa pola parroquia de Amandi,  dando servizo á veciñanza e ás persoas que se achegan ás adegas da zona.

- En Ourol, aprobouse a licitación de obras de rehabilitación de firmes en 3 estradas provinciais cun orzamento de 300.000€ e un prazo de execución de 6 meses. Por un lado, mellorarase a LU-P-6602, que vai de Rúa Nova a Muras, e que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Neste caso vaise arranxar medio quilómetro, dende o punto 18,550 ata o 19,095. Neste concello, tamén se vai arranxar a LU-P-3805, que une os núcleos Sixto con Campo do Foxo, en dous tramos: o que vai do quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917.Esta vía provincial comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto. A terceira estrada na que se licitan obras en Ourol é a LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade. Neste caso, son os 200 primeiros metros de estrada, que presenta desperfectos. 

- No concello de Paradela, vaise renovar o firme de tres estradas provinciais que unen Paradela co núcleo de Currelos, no Saviñao. O orzamento de licitación é de preto de 543.000€ para acondicionar un total de 12 quilómetros de vías.Unha delas é a LU-P-4201, que une Pacios con Mosteirovello,  unha vía que se vai arranxar en tres treitos, que suman un total de preto de 2,5 quilómetros: o primeiro tramo vai dende o punto quilométrico 0 ata o 1,235; o segundo, dende o 1,405 ó 1,810; e o terceiro, do 3,435 ó 4,200. Esta é unha estrada que vertebra parte do municipio, dando servizo a unha zona importante da poboación de Paradela.Na LU-P-4205, que une os núcleos de Aldosende e Foilebar, mellorarase un treito da vía de máis de 3 quilómetros e medio, dende o punto quilométrico 2,331 ao 5,924.E a terceira vía que se vai arranxar en Paradela é a  LU-P-5818. Os traballos acometeranse dende a intersección coa estrada provincial LU-P-4202 ata o núcleo de Vila. Esta estrada dá servizo a moitas parroquias e núcleos que concentran bastante poboación como son Valmigallo, Vilacaíz, Carballós e O Amedo.

Tendo en conta que, como lembrou o Presidente, a Deputación xa actuou no tramo que vai de Escairón a Currelos, a unión entre Paradela e a capitalidade do Saviñao quedaría con estas actuacións totalmente renovada.

Conservación de estradas zona 4
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén quedaron adxudicadas as tarefas de conservación a Zona 4 da rede viaria provincial, que inclúe os concellos de Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, O Páramo, Sarria, Paradela, Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín e Palas de Rei.A empresa adxudicataria é T.A. Isidro Hermanos Blanco Trigo, S.L. por un importe de algo máis de 325.000€ para este ano 2020 e o que vén.

A principios deste ano a empresa adxudicataria da conservación de estradas da Zona 4 presentou unha comunicación na que indicaba a non dispoñibilidade de medios para executar o contrato. Por iso, a Deputación o resolveu e o licitou de novo. Durante todo este tempo, mentres non se adxudicou outra vez o servizo, ocupouse dos traballos a empresa adxudicataria da Zona 8.

Este venres aprobouse a adxudicación da compra dun camión usado con cisterna de emulsión asfáltica para o Parque Móbil por un importe de 66.000€, e que estará operativo no prazo dun mes. Con este camión, o Parque Móbil pasa de contar con 3 equipos de rego asfáltico a 4, o que permitirá un maior alcance nas obras de mellora das estradas, tanto provinciais, como municipais.

Hortos urbanos
Outro dos asuntos que aprobou a Xunta de Goberno foi a licitación do contrato para a prestación do servizo de dinamización e posta en valor dos 175 hortos urbanos do Rato e Paradai por preto de 180.000€ e cunha duración de dous anos. A función da empresa que resulte adxudicataria será asesorar aos usuarios e usuarias dos hortos en temas relacionados coa horticultura ecolóxica, e na xestión de recursos, materiais e maquinaria que a Deputación de Lugo poida poñer á súa disposición para o cultivo dos terreos.

A empresa tamén deberá xestionar e organizar o día a día nos hortos, cun horario de atención presencial, telefónico e tamén por medios dixitais, ademais de elaborar un programa formativo interno para os propios usuarios, no que se recollan guías de boas prácticas, información, charlas e seminarios, e visitas a outros proxectos semellantes ou experiencias de agricultura ecolóxica. Ocuparase así mesmo de desenvolver un programa formativo externo, abrindo as actividades a persoas alleas ós hortos. 

En canto á adxudicación das parcelas, Tomé Roca indicou que a previsión é que no prazo dun mes estea rematada, se o procedemento segue o ritmo esperado.

Área de autocaravanas en Trabada
O Presidente explicou que o Goberno deu hoxe luz verde a unha solicitude do Concello de Trabada para modificar o destino dun investimento do Plan Único 2020. O Concello decidiu que destinará 40.500€ á creación dun aparcamento para autocaravanas en Ría de Abres, ao carón da estrada nacional N-640, en vez de ao Museo Etnográfico, xa que para esta actuación obtivo unha axuda da Administración autonómica.

A área de autocaravanas contará con 9 prazas e incluirá unha zona verde, ademais dun espazo para o baleirado de augas. Este asunto vaise ratificar no Pleno Ordinario do mes de outubro, que se celebrará o vindeiro martes. 

Convenios con Viveiro e Ribeira de Piquín
O Presidente tamén deu conta de convenios de colaboración aprobados cos concellos de Viveiro e Ribeira de Piquín. No caso de Viveiro, a Deputación achega 150.000€ ao Concello para accións de promoción do turismo, limpeza de instalacións públicas, para mantemento da piscina municipal e sufragar os gastos de socorrismo, para a elaboración dun estudo hidrolóxico da rede fluvial e para o mantemento de infraestruturas públicas, entre outras actuacións.

Pola súa banda, no caso do Concello de Ribeira de Piquín, a Deputación aporta 130.000€ para a compra dun tractor destinado á limpeza de vías e de accesos ós núcleos rurais, e para o mantemento das zonas verdes e espazos públicos do municipio.

CAM Pedrafita de Cebreiro
Respecto aos centros de atención a maiores provinciais, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do subministro de equipamento para o Centro de Atención a Maiores de Pedrafita do Cebreiro por un importe de 130.000€. Inclúe o mobiliario xeral, os equipos e artigos médicos e de hixiene persoal, e xogos e material pedagóxico. 

En relación coa residencia de Pedrafita, tamén se lle deu o visto bo ao Plan de Seguridade e Saúde no Traballo ás obras para equipar a cociña e para adaptar un cuarto na planta baixa parao lixo. O orzamento é de 42.000€ e o prazo de execución, de 2 meses. 

Outros asuntos
A Xunta de Goberno aprobou a adhesión da Deputación á Central de Contratación do Estado para o subministro de combustibles en estacións de servizo, o que permitirá obter prezos máis competitivos sen ter que licitar, o que axilizará o procedemento. 

Así mesmo, acordouse licitar un paquete de licenzas de software técnico para utilizar na Deputación de Lugo por un importe de preto de 67.000€.

Por outra banda, na Xunta de Goberno quedaron aprobadas 15 contas xustificativas de axudas concedidas pola Deputación a través do programa de Recuperación e incorporación de terras para a posta en produción de recursos agrogandeiros. En total, suman 24.538€ para a posta en produción de máis de 51 hectáreas nos concellos de Lugo, A Pontenova, Triacastela, A Fonsagrada, Xermade, Vilalba, Outeiro de Rei, Láncara, Guitiriz, Friol, Castroverde, Pol e Samos.