Deputación de Lugo

Deputación e CEL apostan pola internacionalización das empresas lucenses no contexto actual da COVID-19

Confederación de Empresarios de Lugo
José Tomé Roca
cartel-web.IMG01
Organizan un ciclo de seminarios online gratuítos entre novembro e decembro para a actualización de coñecementos e a busca de novas oportunidades de negocio

Ambas entidades traballan pola volta á normalidade e por que o tecido empresarial estea preparado ante os retos que xorden da pandemia

A Deputación de Lugo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL),
organiza entre novembro e decembro un ciclo de seminarios online gratuítos en materia de comercio exterior no actual contexto da COVID-19. Están dirixidos ás empresas da provincia interesadas en novos mercados exteriores ou en mellorar os seus coñecementos sobre algunhas das materias de maior interese nesta área, como axudas, financiamento ou Incoterms 2020.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que estes  webinars de internacionalización enmárcanse dentro da colaboración que mantén a institución provincial coa Confederación de Empresarios de Lugo, á que lle destina unha achega de 60.000 euros. “O traballo conxunto e da man da  CEL demostra o compromiso que mantemos co tecido produtivo da nosa provincia, especialmente neste escenario de crise social e económica provocada pola pandemia, no que é fundamental a cooperación por parte das administracións públicas para reactivar a actividade económica en todos os sectores de produción de maneira eficaz e sostible”.

Estes seminarios  online ou  webinars de Internacionalización na era post COVID-19 son de carácter gratuíto, perseguen un triplo obxectivo: contribuír á actualización de coñecementos detallando a información máis recente sobre normas e axudas para saír ao exterior; facilitar a procura das novas oportunidades de negocio que xorden en mercados de terceiros países a pesar da pandemia e, finalmente, impulsar a necesaria volta á normalidade das empresas lucenses e a súa óptima preparación ante os novos retos que xurdirán co fin da epidemia.

Calendario
En total, está prevista a celebración de catro  webinars entre os meses de novembro e decembro. O primeiro deles, convocado para o día 3 de novembro, centrarase na nova normativa de Incoterms 2020; o segundo, previsto para o día 17 de novembro, centrarase nas oportunidades que ofrece o mercado alemán; o terceiro, programado para o día 24 de novembro, centrarase en axudas vixentes e fórmulas para o financiamento das exportacións e, finalmente, o cuarto webinar afondará nos mercados dos Países  Balcánicos (Serbia, Croacia, Eslovenia e Bosnia).

Celebraranse en horario de 17:00 a 20:00 horas e contarán coa intervención de consultores expertos en comercio exterior e a exposición de experiencias prácticas de empresas con traxectoria internacional. 

Os seminarios están dirixidos preferentemente a directivos de empresas da provincia con interese en  internacionalizarse ou acceder a novos mercados, así como a persoal dos seus departamentos de comercio exterior, así como, en xeral, a persoas interesadas en opcións para a internacionalización de negocios.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de reservas. Máis información sobre o programa de cada webinar e inscricións en www.cel.es ou no número de teléfono 982.23.11.50.