Deputación de Lugo

A Deputación achega preto de 300.000€ para o funcionamento da UNED de Lugo

José Tomé Roca
UNED
Foto de arquivo da inauguración do curso académico da UNED Lugo.IMG01

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, informou este mércores de que vén de autorizar a renovación da colaboración económica que mantén a institución provincial co Centro Asociado da UNED en Lugo, o que supón unha achega de preto de 300.000 euros para esta ano 2020. A través deste convenio, a Deputación colabora no financiamento dos gastos derivados do funcionamento deste centro, como os de dirección e coordinación, de administración e servizos, titorías, locais, edificios, instalacións e materiais, ou desprazamentos de profesores para participar na dirección, xestión e docencia en seminarios e convivencias do Centro Asociado. 

Ademais con esta achega anual, a institución provincial impulsa, da man da UNED, numerosos proxectos e pioneiras iniciativas coas que os alumnos e alumnas deste centro poden ampliar e completar a súa formación.

Con esta aportación, a Deputación de Lugo renova o firme compromiso que mantén coa UNED en Lugo. A institución provincial financiou a construción dunha sede deste centro na cidade lucense, o que permitiu a implantación da Universidade a Distancia na cidade, deixando de ser a única capital de provincia de Galicia na que a UNED non tiña centro físico, así como a súa consolidación, pois a día de hoxe inclúe 22 ofertas de titulacións de grao.