A Vicepresidencia da Deputación mantén o seu compromiso de apoio estable e continuado ao Burela FS
O club burelense conta cunha achega de 152.000 euros para os gastos de tempada
Unha representación do Reyco Burela FS formada polo presidente José Luis Sáez e as xogadoras Ana Eliza e Irene visitaron este xoves o Pazo de San Marcos, onde fixeron entrega dunha camiseta oficial da temporada ao vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro. No acto, no que tamén participou o tenente de alcaldesa de Burela Mario Pillado, reafirmouse o apoio da institución provincial ao club laranxa, que encara a segunda volta tanto na liga feminina como masculina.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro reiterou “o compromiso da institución provincial co club, cun apoio estable e continuado ao longo do tempo” e destacou “o traballo que a directiva fixo nos últimos meses para sobrepoñerse ás dificultades económicas e organizativas da temporada pasada e manter un proxecto deportivo que nos enorgullece a todas e todos pola traxectoria dos equipos sénior pero tamén pola solidez do traballo coas categorías de formación e a aposta pola igualdade”. O responsable provincial subliñou que “circunstancias coma estas demostran que o deporte, mesmo no nivel profesional, non é únicamente unha cuestión de títulos e resultados competitivos, se non tamén manter un sentimento de comunidade e de pertenza arredor dun proxecto ”.
Na mesma liña, o tenente de alcaldesa Mario Pillado explicou que "o que nos move, independentemente dos resultados, das categorías ou das clasificacións é a labor que fai este club no referente ao deporte de base e á igualdade, por iso apoiamos ao Burela e a súa forma de traballar nestes ámbitos, é un referente. A nivel persoal, a través das institucións e da miña carreira profesional, facéndoo agora de forma voluntaria, apoiarei na medida do posible este proxecto intentando que perdure no tempo, porque será unha boa sinal tanto para o deporte de base coma para a igualdade no deporte”.
O presidente do club José Luis Sáez recoñeceu o apoio da Deputación de Lugo como clave para a supervivencia do club burelense. "Agradecemos que nestes tempos nos que, por motivos económicos, as cousas non van deportivamente tan ben, continúe estando ahí, como antes cando si que había éxitos deportivos. Tamén aproveito para agradecer a Mario a súa colaboración desinteresada nas Escolas Deportivas do club e o apoio que sempre nos presta dende o concello".
O Burela FS conta cunha achega 152.000 euros para os gastos de tempada por parte da Vicepresidencia da Deputación. Ademais, a institución provincial apoia a promoción do deporte, especialmente do fútbol sala, en Burela e na comarca da Mariña cunha achega de 25.000 euros á Fundación Imdecum.