Deputación de Lugo

A Deputación aproba a licitación dun novo sistema informático que suporá un salto cualitativo na xestión tributaria

Xunta de Goberno
Recadación
Concellos
A Xunta de Goberno iniciou por un importe de 3M€ o procedemento de contratación desta aplicación, que modernizará a xestión tributaria, mellorar a atención á cidadanía e optimizar a recadación nos concellos da provincia

O novo sistema permitirá que máis do 90 % dos expedientes tributarios se resolvan o mesmo día da súa apertura, e ofrecerá acceso seguro á información tributaria mediante Sede electrónica e atención telefónica

Licitado o servizo de limpeza para todas as dependencias provinciais e tamén quedou adxudicada á USC a Enquisa EIEL para avaliar as necesidades dos concellos a efectos de cooperación económica local do Estado

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou por un importe de 3M€ a licitación dun novo sistema informático integral de xestión tributaria e de recadación, que suporá un salto cualitativo na xestión tributaria da administración provincial xa que permitirá modernizar a administración dos ingresos municipais e mellorar a calidade do servizo prestado aos concellos e á cidadanía. 
A Deputación reforza así a xestión que realiza para 64 concellos da provincia en impostos como o IBI, IAE, IVTM, taxas e outros ingresos públicos, substituíndo o sistema actual, baseado en tecnoloxías obsoletas, por unha plataforma moderna, segura e altamente eficiente. O novo sistema axilizará a tramitación dos expedientes tributarios, prevéndose que máis do 90 % das solicitudes se resolvan o mesmo día da súa apertura, reducindo tempos de espera e desprazamentos innecesarios, e mellorando a atención á cidadanía.


Un dos obxectivos fundamentais é incrementar a eficiencia na xestión dos ingresos municipais sen aumentar a presión fiscal, facilitando aos concellos unha maior dispoñibilidade inmediata dos seus recursos económicos e mellorando a planificación financeira ao longo do exercicio.
A licitación que se vén de aprobar na Xunta desta mañá inclúe tamén a implementación de ferramentas avanzadas para a xestión dos Plans Personalizados de Pago, que permiten aos contribuíntes cumprir coas súas obrigas tributarias de xeito máis flexible e contribúen a unha distribución máis equilibrada dos ingresos municipais ao longo do ano.


No ámbito da administración electrónica, o novo sistema impulsará a Sede electrónica, permitindo á cidadanía acceder de forma segura á súa información tributaria, realizar trámites con plena validez legal e efectuar pagamentos telemáticos. Ademais, incorporarase un módulo específico de atención telefónica, pensado especialmente para persoas con maiores dificultades co uso de medios dixitais.
O proxecto tamén contará con interoperabilidade con outras administracións públicas, como o Catastro, a Seguridade Social, a Dirección Xeral de Tráfico ou a Axencia Estatal de Administración Tributaria, garantindo rapidez, fiabilidade da información e cumprimento dos Esquemas Nacionais de Interoperabilidade e de Seguridade.


O contrato terá unha duración inicial dun ano, sen posibilidade de prórroga, e suporá un paso decisivo cara a unha xestión tributaria máis moderna, eficiente e transparente ao servizo dos concellos e da cidadanía.

Licitación do servizo de limpeza

A Xunta de Goberno ademais vén de aprobar a licitación do contrato por lotes do servizo de limpeza dos distintos edificios e dependencias da institución provincial.  O servizo abrangue tanto os edificios de uso administrativo como as instalacións deportivas. O orzamento base de licitación ascende a preto de 1.700.000€, distribuído entre dous lotes: case 1.400.000€ para edificios administrativos e outros usos e pouco máis de 300.000 € para instalacións deportivas. O contrato terá unha duración inicial dun ano, e poderá prorrogarse por outros tres anos. 

Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais (EIEL) 

Tamén, na Xunta de Goberno deste venres quedou adxudicada á Universidade de Santiago de Compostela (USC) os traballos de elaboración da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da provincia, por un importe de preto de 111.000€. Esta enquisa que a Deputación realiza de Xeito anual é o instrumento básico de valoración das necesidades dos concellos a efectos de cooperación económica local do Estado, polo tanto, un estudo fundamental para a viabilidade económica das facendas locais.