A Deputación lanza en FITUR a súa aposta pola natureza da man do cineasta Óliver Laxe
Carmela López destacou durante a súa intervención que máis do 80% da superficie da provincia está declarada Reserva e que iso “defínenos. Fala dun territorio coidado, diverso e auténtico; que é o que buscan hoxe as persoas cando viaxan”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presentou este venres en FITUR, xunto ao cineasta Óliver Laxe, a campaña turística da institución provincial Provincia de Lugo, Reserva Natural. Unha iniciativa que aposta pola riqueza natural do territorio lucense como eixo dun modelo turístico sostible, non masificado e vencellado ao territorio. Arrancou o acto no expositor de Galicia o presentador David Vilares, dando a benvida aos asistentes interpretando cunha pandeireta A Xota e A Muliñeira de Cela, dúas pezas de música e baile tradicionais recollidas e transmitidas pola tradición oral.
Arrouparon a Carmela López na presentación da campaña lucense a Vicepresidenta Segunda do Goberno, Yolanda Díaz, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Deputado da Área de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz; a Deputada da Área de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira; o Deputado da Área de Medio Ambiente, Carlos López López; así como Alcaldes e Alcaldesas da provincia de Lugo.
Provincia de Lugo, Reserva Natural contou para a súa presentación na Feira Internacional de Turismo que se celebra estes días en Madrid co cineasta internacional Óliver Laxe, con fondas raíces nos Ancares lucenses e representante da Asociación SER de Navia de Suarna; e con Martiño Cabana, da Asociación Galega de Custodia do Territorio con sede na Casa das Insuas de Rábade. Dúas persoas profundamente coñecedoras do territorio e do traballo que nel se desenvolve e que puxeron voz a dous territorios cunha identidade propia que marcou a súa forma de entender a vida.
Carmela López destacou durante a súa intervención, que máis do 80% da superficie da provincia está declarada Reserva e que iso “defínenos. Fala dun territorio coidado, diverso e auténtico; que é o que buscan hoxe as persoas cando viaxan”. Puntualizou que a Deputación de Lugo xestiona dous deses territorios: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
“Apostamos polas Reservas da Biosfera como espazos vivos, onde o desenvolvemento sostible constrúese desde o respecto e a identidade”, valorou. Subliñou que, das dúas reservas que xestiona a Deputación, Terras do Miño foi a primeira declarada en Galicia no ano 2022 e que é a única da Península Ibérica que alberga unha capital de provincia (Lugo) o que dá conta da súa integración co medio que a rodea. Ancares lucenses, pola súa banda, celebra este ano o seu 20 aniversario e faino desenvolvendo a súa distinción como Destino Turístico Starlight, “un territorio onde o ceo nocturno continúa sendo puro”. E sinalou que o vindeiro 12 de agosto, a provincia será un lugar privilexiado para observar o eclipse solar pola súa posición.
Puxo en valor a Presidenta o modelo polo que aposta a Deputación de Lugo: “Un turismo de calidade, de equilibrio co territorio e de compromiso cos seus habitantes”. Comprometeuse a continuar impulsando este modelo “con convicción e ilusión, porque conecta co que somos e posiciona a nosa provincia como un destino con personalidade propia e con futuro”. López explicou que a campaña nace dun modelo baseado na colaboración participativa dos concellos e do tecido asociativo implantado nas Reservas para xestionar estes territorios, e co obxectivo de conservar o patrimonio natural e cultural e, ao mesmo tempo, xerar riqueza e emprego desde a sustentabilidade.
Un novo audiovisual
Durante o acto estreouse un novo audiovisual promocional que percorre as dúas Reservas da Biosfera xestionadas pola Deputación, amosando a súa diversidade paisaxística, o seu valor ecolóxico e o vínculo coas persoas que habitan e coidan o territorio. Nel se proxectaron algunhas das marabillas naturais da provincia, como as zonas húmidas da Terra Chá, a contorna do Miño, ou as aldeas tradicionais da Montaña Lucense, como Piornedo.
Unha peza que é a antesala dun proxecto máis amplo de produción de contidos audiovisuais impulsado pola Deputación, que inclúe a elaboración de dous vídeos documentais con múltiples reportaxes protagonizadas por persoas emprendedoras, profesionais, entidades e colectivos que desenvolven o seu labor nas reservas. Un material que pensa difundir tamén a través das canles de RTVE e plataformas dixitais.