Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia e o CB Breogán visibilizan a aplicación Ariadna, que permite activar axuda cidadá ante unha urxencia cardíaca

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
EFRÉN CASTRO
CB Breogán
desfibriladores
CARLOS G. JUANATEY
A aplicación promovida pola Sociedade Española de Cardioloxía e impulsada desde Lugo polo Servizo de Cardioloxía do Hula difundirase no Pazo durante o partido co Real Madrid

A iniciativa converte o Pazo nun recinto deportivo pionero en capacidade de resposta ante unha parada cardiorrespiratoria

Efrén Castro destacou o compromiso do Servizo de Prevención da Deputación de Lugo , que conta cunha vintena de desfibriladores

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o CB Breogán dedican o partido do sábado (CB Breogán- Real Madrid, 19.00 horas) a dar a coñecer Ariadna, unha aplicación impulsada pola Sociedade Española de Cardioloxía, a Fundación Española do Corazón e a Cruz Vermella para elaborar de forma colaborativa un mapa de desfibriladores.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o director xeral do CB Breogán Salva Arco presentaron a iniciativa acompañados por Carlos G. Juanatey, responsable do Servizo de Cardioloxía do Hula, que sinalou que "máis da metade das paradas cardiacas se producen fóra de entornos sanitarios, na rúa ou en espazos públicos, polo que contar con formación en reanimación básica e a dispoñibilidade de desfibriladores é fundamental para actuar con rapidez"  

A campaña de difusión deste recurso  coincidindo co partido contra o Real Madrid pretende implicar á afección breoganista no uso desta aplicación que permite activar a axuda cidadá ante unha urxencia cardíaca, ao ter localizados tanto os desfibriladores automáticos externos como as persoas con coñecementos en RCP e DEA máis próximas.

As persoas usuarias poden participar como rastrexadoras, informando e validando a localización e o estado dos desfibriladores existentes. No caso de contar con formación específica para o manexo de desfibriladores externos automáticos, poden rexistarse como colaboradoras de forma que, se se produce unha urxencia no seu entorno, reciben un aviso da aplicación requerindo a súa intervención.

A campaña, que se encadra no acordo de patrocinio entre a institución provincial e o CB Breogán, reforza a idea de que a prevención e a rapidez de actuación son determinantes para salvar vidas: cada minuto conta cando se produce unha parada cardíaca.

Ademais, pretende converter o Pazo, que conta con tres desfibriladores – un instalado e xestionado polo Servizo de Prevención da Deputación e outros dous polo CB Breogán - nun recinto deportivo pionero en capacidade de resposta ante unha parada cardiorrespiratoria, sumando á existencia dos recursos técnicos, unha comunidade concienciada e formada que responda con eficacia a unha urxencia cardíaca.

Ademais do dispositivo instalado no Pazo, a Deputación de Lugo conta con desfibriladores externos automáticos nos Centros de Atención a Maiores, nos catro museos da Rede Provincial, no Fogar de Santa María, no Arquivo Provincial, na Granxa de Castro Riberas de Lea e no propio Pazo de San Marcos.

O vicepresidente da Deputación destacou o compromiso do Servizo de Prevención da Deputación de Lugo para crear e xestionar esta rede de dispositivos rexistrados polo 061 de forma que, ante unha urxencia cardíaca, están a disposicion das persoas afectadas, tanto se o incidente se produce dentro dos edificios como no seu entorno.