Deputación de Lugo

A Deputación colabora co Colexio de Avogados para garantir asesoramento xurídico nos centros penitenciarios da provincia

JOSE TOMÉ
Colexio avogados
CENTRO PENITENCIARIO MONTERROSO
bonxe
O Presidente asinou co decano do Colexio Provincial de Avogacía de Lugo este acordo que permitirá atender as necesidades xurídicas das persoas internas nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso

José Tomé sinalou que a institución achega 12.000€ “para garantir un servizo que permitirá reforzar o exercicio dos dereitos das persoas máis vulnerables, contribuíndo á reinserción social e á igualdade de acceso á xustiza”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co decano do Ilustre Colexio Oficial de Avogacía de Lugo, José FélixMondelo Santos, mediante o cal a institución provincial achega 12.000€ para garantir o Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penal (SOAJP) dirixido a atender as necesidades xurídicas das persoas recluídas nos centros penais de Bonxe e Monterroso. 

José Tomé Roca sinalou que a achega da Deputación financia practicamente a totalidade do orzamento do servizo, que ascende a máis de 16.000€ asumindo o colexio a parte restante. “Esta colaboración garante un servizo que permitirá reforzar o exercicio dos dereitos das persoas máis vulnerables, contribuíndo á reinserción social e á igualdade de acceso á xustiza”, subliñou o mandatario provincial. 

O SOAJP será prestado por avogados e avogadas formados polo Colexio, que acudirán semanalmente aos centros penais para atender consultas presenciais, así como por videoconferencia cando sexa posible. Estes profesionais tamén colaborarán na tramitación da xustiza gratuíta e na comunicación cos letrados designados nos procedementos penais dos internos e internas. 

Ademais, para garantir a calidade desta acción os letrados realizarán unha formación obrigatoria específica organizada polo Colexio de Avogados, que tamén organiza e coordina as peticións cos centros penitenciarios e atende as consultas xurídicas dos internos. 
Así mesmo, o persoal do SOAJP colaborará cos avogados particulares ou de oficio xa designados polos internos, tendo en conta que moitos non dispoñen de recursos económicos para asumir os honorarios dun profesional especializado en dereito penitenciario.