Marisol Morandeira: “A Deputación pon recursos á disposición das persoas que deciden apostar polo rural”
“Temos que seguir abrindo camiño porque por desgracia vivimos tempos nos que a igualdade volve estar en cuestión” avanzou Morandeira, quen tamén recordou que a institución provincial colabora con esta entidade cunha achega anual de 50.000 euros
A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeia, participou este sábado no Hotel Spa Attica21 de Vilalba na inauguración da xornada Apoderadas: O rural tamén é noso, unha cita organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) e en colaboración co Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo.O evento congregou a case 300 asistentes.
Tras o acto de inauguración, tivo lugar unha mesa redondasobre experiencias de mulleres emprendedoras moderada pola xornalista de Onda Cero Carme Hermida. Nela participaron a coordinadora do proxecto Woman Emprende da USC; Eva López; a fundadora de Orixe Salgada, Elena Fontán; e a gandeira e emprendedora en hostalería Lidia Gómez. A continuación, celebrouse unha conferencia da man da fundadora de Licores os Maios, Maica Fernández, e un coloquio na que todas as asistentes puideron participar.
A programación incluíu tamén actuacións musicais, degustacións de produtos da terra, obradoiros sobre emprendemento e actividades grupais para afondar nos coñecementos adquiridos ao longo da xornada.
Marisol Morandeira recordou que “temos que seguir abrindo camiño e a responsabilidade das administracións é clara: debemos poñer os recursos á disposición das persoas que decidides apostar polo rural”. Nesa liña sinalou que a Deputación faino “coas accións e os investimentos que levamos a cabo para mellorar as infraestruturas e os servizos e tamén coas colaboracións que temos con entidades. No caso de FADEMUR achegamos 50.000 euros ao ano para impulsar eventos coma este”. Rematou facendo especial fincapé en que “citas coma esta poñen de manifesto que o noso rural non ten límites e as mulleres tampouco”.