Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo, recoñecida co Premio Lois Peña Novo polo seu compromiso firme co uso do galego no ámbito xurídico

Imaxe deputación de lugo
O xurado vén de fallar os premios desta edición, distinguindo o labor que desenvolve a Asesoría Xurídica provincial no uso continuado e rigoroso da lingua galega tanto de maneira oral como escrita nas tarefas que desenvolve no seu día a día

O Presidente manifesta a satisfacción pola distinción, “que é un recoñecemento ao traballo serio, rigoroso e comprometido que se está desenvolvendo. Este é un estímulo para seguir apostando polo galego como lingua útil e digna en todos os ámbitos”

A Deputación de Lugo vén de ser distinguida co Premio Lois Peña Novo 2025, un recoñecemento que pon en valor o labor realizado pola Asesoría Xurídica provincial no uso continuado e rigoroso da lingua galega nas tarefas administrativas e legais que desenvolve, tanto de maneira oral como escrita. O xurado, que acaba de dar a coñecer o fallo, salientou que se trata "dunha iniciativa insólita e valente que está a impulsar unha galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública, unha aposta decidida pola lingua propia que se está a converter nun referente para outras administracións públicas, colexios profesionais e asociacións de letrados".

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, manifesta a súa satisfacción por esta nova, pois este premio “é unha honra e tamén unha responsabilidade. É un recoñecemento ao traballo serio, rigoroso e comprometido que se leva a cabo desde a nosa Asesoría Xurídica. Pero sobre todo, é un estímulo para seguir apostando polo galego como lingua útil, precisa e digna en todos os ámbitos”. “Na Deputación de Lugo temos claro que unha lingua que se usa na administración, na xustiza e nos espazos formais é unha lingua con futuro. Por iso, este galardón anímanos a seguir traballando con orgullo e con convicción como viñemos facendo ata agora, polo que seguiremos empregando o galego nos procedementos xudiciais da institución e na representación xurídica dos concellos da provincia”.

O xurado destacou tamén o carácter innovador e abandeirado desta aposta, que "racha coa tradición desgaleguizadora do ámbito xurídico, abrindo camiños para outras administracións e acreditando a súa capacidade para artellar un exercicio xurídico rigoroso, moderno e plenamente normalizado", Consideran os membros do xurado esta experiencia un "exemplo claro de como a vontade e o compromiso poden provocar unha mudanza estrutural nun dos sectores máis resistentes á galeguización".

Este compromiso coa normalización lingüística non é novo para a Deputación de Lugo neste ámbito. Xa no ano 2022, no acto conmemorativo do 37 aniversario da primeira sentenza en galego, a institución provincial participou activamente na homenaxe ao maxistrado que ditou aquela resolución pioneira, e promoveu a colocación dunha pedra conmemorativa no Xulgado de Lugo. Aquel acto simbolizou o camiño aberto en 1985 e a necesidade de continuar avanzando cara a unha xustiza plenamente galega.

A concesión deste premio vén reafirmar que ese camiño iniciado hai décadas é hoxe unha realidade recoñecida. Dende a Asesoría Xurídica da Deputación apóstase polo galego como lingua prioritaria nos informes, ditames e resolucións, demostrando que é plenamente útil e válida para a comunicación legal e institucional.

O Premio

Os Premios Lois Peña Novo, que leva o nome dun histórico defensor da identidade e do dereito galego, entrega cada ano galardóns a persoas e entidades que contribúen á normalización da lingua galega no ámbito público. A súa concesión á Deputación de Lugo constitúe un recoñecemento á aposta firme dunha administración comprometida coa igualdade lingüística e coa dignificación do galego en espazos onde historicamente estivo ausente.

A Deputación tamén felicita á xornalista Esther Estévez Casado, presentadora do espazo “Dígocho eu” na TVG, e ao historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, quen tamén foron distinguidos con este galardón nesta edición.