Deputación de Lugo

A Deputación avanza na contratación de obras en 8 estradas provinciais por máis de 700.000€

Pilar García Porto
Rede provincial de estradas
A Xunta de Goberno vén de licitar dous proxectos para mellorar en Barreiros a LU-P-0610, que virá a transformar ademais a imaxe do concello mariñán na zona das praias; e a LU-P-1901 que conecta na Montaña A Fonsagrada e Navia de Suarna

Adxudicados ademais os traballos de acondicionamento doutras seis estradas provinciais ao seu paso polo concello de Chantada, trátase da LU-P-1002; a LU-P-1802; LU-P-1803; LU-P-1805; LU-P-1806 e da LU-P-1818

Aprobadas as bases da sexta edición dos premios á excelencia do turismo e da gastronomía da provincia de Lugo que se fallarán a finais de setembro e que “son unha medida máis que promovemos para apoiar, poñer en valor e visibilizar o sector”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo avanzou este venres na contratación de diferentes obras para a mellora de 8 estradas provinciais cun investimento total de 718.954,37€. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal, valorando que “en liña co noso compromiso, seguimos avanzando semana tras semana con axilidade e eficacia para sacar adiante proxectos de mellora das estradas provinciais”.


En Barreiros, quedaron licitados os traballos de mellora do tramo inicial da LU-P-0610, que é a estrada que enlaza as praias de Altar, Reinante e a glorieta das Catedrais. As actuacións afectarán a algo máis dun quilómetro e medio do tramo urbano -desde o punto quilométrico 0,150 ao 1,422- e consistirán na reapertura das cunetas, melloras na drenaxe e o alumeado público, pavimentación con aglomerado en quente, sinalización e equipamento. O investimento para estes traballos é de 206.357,73€ e o prazo de execución de 3 meses. 


“Esta será unha actuación moi importante para Barreiros porque ademais de acondicionar o firme desta vía, virá a transformar a imaxe do concello na zona das praias. Un dos principais atractivos turísticos do municipio e tamén da Mariña, recibindo no verán a milleiros de visitantes”, explicou a Deputada.


Entre A Fonsagrada e Navia de Suarna, a Xunta de Goberno aprobou licitar as obras de mellora de dous tramos da LU-P-1901, que é a estrada que conecta estes dous concellos da Montaña e que vai ata a ponte de Boadil. As actuacións afectarán a un tramo de preto de dous quilómetros – desde o punto quilométrico 0,150 ao 1,422- entre Santiso e Lamas, nas parroquias de Cereixido e Lamas de Moreira, ó sur do Concello da Fonsagrada. E outro de case tres quilómetros á altura de Queizán, ao sur de Navia de Suarna, concretamente entre os quilómetros  22,600 e o 25,312. Os traballos que se levarán a cabo consistirán na reapertura de cunetas, mellora da drenaxe, reposición do firme con aglomerado en quente e reposición da sinalización. O investimento para estes traballos é de 234.296,64€ e o prazo de execución será de tres meses unha vez iniciadas as obras.


Adxudicada a mellora de 6 estradas en Chantada

Ademais en Chantada a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación, á empresa Fevisa Vías y Obras a mellora por tramos de seis estradas provinciais cun orzamento de máis de 278.300€. Concretamente acondicionará:

•    Máis de 8 quilómetros da LU-P-1002, que conecta A Barrela coa Tilleira. Actuaremos desde o quilómetro 6, á altura de Esmoriz, ata case o final da vía.
•    A totalidade da LU-P-1802, que une Chantada co Encoro de Belesar.
•    A medio quilómetro da LU-P-1803, que é a estrada que vai de Camporramiro a Castro de Carballedo, á altura da parroquia de Vilaúxe.
•    A totalidade da estrada LU-P-1805, que une o lugar de Seixo e Esmoriz.
•    Os 3 últimos quilómetros da LU-P-1806, que une Garabelos a Santa Rosa.
•    E os primeiros 100 metros da LU-P-11818, que vai de Xedive á Vilauxe. Un treito que enlaza coa N-540 á altura da parroquia de Pereira.

As actuacións en todas as estradas consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos e repavimentación. E o prazo de execución deste proxecto será tamén de 3 meses desde que comecen as obras.


Polígono de Begonte e outras parcelas da Deputación

Adxudicada tamén unha parcela do polígono industrial de Saavedra, en Begonte. Trátase dunha parcela de solo urbano industrial que ten unha superficie de 2.257 metros cadrados por un importe de 38.820,51€. A superficie de solo industrial posto á venda pola Deputación neste polígono foi de 177.000 m2 en, aproximadamente 12 parcelas. E desas continúan á venda dúas parcelas urbanas, as últimas dispoñibles neste polígono: a parcela número 1, cunha superficie de 43.650 m2 e a número 4, con 10.550 m2 e dúas parcelas de solo rústico de 19.522 m2.

No que ten que ver cos terreos que son propiedade da Deputación de Lugo, a Xunta de Goberno tamén adxudicou un único lote de parcelas no concello de Paradela, no lugar de Adega, na parroquia de San Facundo de Ribas de Miño. Neste caso son diferentes terreos que sobraron dunha ponte construída pola Deputación e que non teñen utilidade para a institución provincial. Quedaron adxudicados ao Lar das Viñas López Otero por un importe de preto de 28.158€.


Premios de turismo

En materia de turismo e promoción do territorio, a Xunta de Goberno sacou adiante a convocatoria da sexta edición dos premios á excelencia do turismo e da gastronomía da provincia de Lugo, de novo con tres categorías: Premio Lugo Cambia ao turismo lucense; Premio Turismo Sostible; e premio ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense. Uns galardóns creados no seo do Consello Provincial de Turismo que, segundo explicou García Porto, “son unha medida máis que promovemos para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da nosa provincia”.

Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica. As candidaturas poderán presentarse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata.


O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará ata un máximo de tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucensee ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. A maiores, o xurado poderá propoñer ata un máximo de tres accésits en total. Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.


Os galardóns serán entregados a finais de setembro nun acto público e como nas edicións anteriores, os premios consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo. Está previsto que as bases desta sexta edición do certame se publiquen nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia.


Concurso de fotografía de Medio Ambiente

Tamén a Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución do VII Concurso de Fotografía O patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. “Coa temática desta edición pretendíamos poñer en valor, dar a coñecer e divulgar o patrimonio etnográfico destas Reservas da Biosfera que xestiona a Deputación, é que son unha das ferramentas importantes para o desenvolvemento da provincia”, explicou a Voceira socialista. 


Os premiados deste 2025, segundo os criterios da Comisión Avaliadora, son: Javier Cabana Soengas, pola súa obra Arbóreo: Raíces dos Ancares, que recibirá o primeiro premio dotado con 800€; Ana María Taboada García, coa súa fotografía Crepúsculo no río Neira, será galardoado co segundo premio que está dotado con 500€; Iago Manoel Souto Lorenzo, que inmortalizouPota e forno de leña, tradición e patrimonio dos nosos fogares, acadará o terceiro premio que conta cun importe de 300€. Está previsto que o fallo saia publicado nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia.