Cultura
Deputación de Lugo

Dez alumnas completaron o curso de emprendemento en artesanía textil, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo

LUGAR DE REQUE
artesanía textil
EFRÉN CASTRO
IRIA CASTRO
O proxecto formativo Tecer para medrar ofreceu formación a 38 persoas desde 2021, creando oportunidades de emprego e contribuíndo aá inclusión de persoas migrantes coa colaboración de FADAS

Dez alumnas completaron a última fase da formación en técnicas textís e moda sostíbel que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Federación de Asociacións do Ámbito Social FADAS Lugo puxo en marcha en 2022, para xerar oportunidades laborais no sector da artesanía.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, a deputada de Cultura Iria Castro e o concelleiro de Infraestruturas de Lugo Álex Penas entregáronlles ese mediodía, en Reque, en Lugo, as certificacións que acreditan a súa participación na última fase desta iniciativa, Tecer para medrar, na que as alumnas deron un paso máis para poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Así, logo de dúas primeiras fases de achegamento e formación sobre padroaxe, corte e confección desenvolvidas en anos anteriores, abordouse unha terceira fase enfocada ao emprendemento empresarial.

Ademais de seguir profundizando no oficio, as alumnas tiveron a oportunidade de adentrarse na cultura castrexa e os nosos sinais identitarios. Tamén traballaron a creatividade e o deseño, experimentaron xeitos de organización para a produción en equipa,  a organización de backstage, e de sesións de estilismo e fotografía.

A deseñadora María Barros, xunto con Cristina Fernández, patronista, e Isabel Lamas modista, foron as encargadas de acompañalas en cada un dos procesos que implicou a creación da colección Origo que presentaron na pasada edición do Arde Lucus e que estarán expostas durante os vindeiros meses de maio e xuño na rúa Tinería 36, cedido polo Concello de Lugo.

Os interesados na confección deste tipo de prendas de cara as vindeiras festas de Arde Lucus poden atopar información na web https://tecerparamedrar.wixsite.com/ e nas RRSS  do mesmo, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e  de  FADAS.

Emprego e inclusión

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro parabenizou ás participantes nesta última fase do proxecto formativo e destacou “as oportunidades de emprego que foron xurdindo no desenvolvemento desta iniciativa, que contribúe tamén á inclusión das persoas que chegan a Lugo doutros países, nun sector como o da artesanía, que provén da tradición e dos coñecementos herdados pero que ten un gran potencial nunha sociedade na que se valoran cada vez máis as formas de produción e consumo sostíbles”.

Desde a posta en marcha do proxecto en 2021, 38 alumnas pasaron polas distintas formacións que se ofreceron baixo o paraugas de Tecer para integrar e Tecer para medrar, que suman máis de 1.250 horas de formación, cunha atención individualizada, axustada aos coñecementos e circunstancias das alumnas.