A Deputación colabora coa Asociación Trabada Paso a Paso para fomentar o sendeirismo e o turismo activo
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a responsable da Asociación de Sendeirismo Trabada Paso a Paso, Amparo González Sanjurjo, acompañados polo Alcalde de Trabada, Rubén García Freije, asinaron un convenio de colaboración no Pazo de San Marcos. A través deste acordo, a institución provincial achega preto de 2.000€ á entidade para a adquisición de equipamento que garanta a actividade do colectivo en situacións climatolóxicas adversas.
En concreto, esta colaboración da Deputación vai permitir á asociación adquirir media ducia de cazadoras de neopreno, co obxectivo de garantir a seguridade e a comodidade dos participantes nas rutas e actividades programadas para o ano 2025, especialmente en condicións de alta humidade, baixas temperaturas ou climatoloxía adversa.
A Asociación de Sendeirismo Trabada Paso a Paso nace co obxectivo de fomentar, difundir e potenciar os deportes de montaña e as actividades ao aire libre, promovendo tamén a cultura e a educación ambiental. Durante 2025, a entidade desenvolveu un amplo programa de rutas por espazos naturais de alto valor paisaxístico, especialmente no municipio de Trabada, destacando itinerarios como a Subida ó Picato, a Fraga de Vilapena, a Ruta do Vento, o Monte Roxal-Teixido e a Fraga da Becerreira.
Estas actividades teñen un impacto directo no turismo da comarca da Mariña e na provincia, contribuíndo ao turismo activo e sostible e á promoción de hábitos saudables. Ademais, a asociación destaca pola súa capacidade técnica e organizativa, con protocolos de seguridade, planificación adaptada a diferentes niveis físicos e colaboración con guías especializados, así como pola singularidade das súas rutas interprovinciais con enfoque educativo, cultural e naturalista.